Feijoo, versus Galicia

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

26 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai veces nas que cando pos os dedos enriba do teclado para parir un artigo tes a sensación de que podes ser demasiado incisivo nas apreciacións do que relatas ou quizais demasiado esaxerado na crítica, que para os columnistas sempre debe ser o máis obxectiva posible. Tal foi a miña sensación cando se publicou o derradeiro 16/06/2016 o meu artigo titulado O pau e a cenoria, no que poñía énfase nun posible escoramento keynesiano do Núñez Feijoo. Pois ben, no día de hoxe podo aseverar que aquel epíteto que me dixera fai xa uns anos o meu curmán Ditino, un gandeiro de pro na Galicia profunda, «...o comunismo, Pepe, o comunismo», para definirme a política rural da Xunta, era completamente certo.

A cousa foi que o pasado mércores, despois de case un ano fora do terruño, fun botarlle unha ollada ao mercadiño pobrense e, xa se sabe, falando cos xa poucos titulares de postos de venda dos nosos produtos agro alimentarios, un tanto agochados polos telderetes de roupa e outras bixuterías, os comentarios sobre as trabas xunteiras eran arrepiantes, tanto que poderiamos dicir que o presidente da Xunta goberna, non soamente en contra dos intereses do noso sector primario, senón da propia cidadanía galega.

Seguín o percorrido polo recinto e na mellor localización topeime cuns grandes postos de hortalizas, froitos exóticos, verduras..., de clara procedencia foránea, o que eu coñezo moi ben, cultivados en intensivo a base de fertilizantes artificiais, pesticidas o outros sulfatos químicos moito máis perigosos para a saúde que o camarón esqueleto xaponés para os bivalvos da ría.