Da Jandra

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

22 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os barbanceses enorgullecémonos con frecuencia da ampla xenea de escritores que deu ou acolleu a comarca. Eu estou convencido de que o singular substrato cultural do Barbanza é un caldo vizoso para que agromen escribentes das letras, capaces de construír a nostalxia dun tempo case irreal -Valle Inclán- ou de operar na vangarda máis radical da literatura do seu tempo -Manuel Antonio-. Esta terra de emigrantes que se formaron máis entre camarotes que en aulas dá lugar a un marabilloso cocido de heterodoxos e librepensadores.

Pero hoxe quero chamar a atención sobre un singular escritor chamado Leonardo da Jandra, un pobrense-mexicano que está de actualidade porque Cómaros. Revista interdisciplinar de pensamento galego, promovida pola Universidade de Vigo, dedica o monográfico do primeiro número ao seu pensamento. Na revista, canda autores como Milton Aragón ou Francisco José Carrera, o propio Leonardo da Jandra escribe un fermoso texto chamado Os meus dous mares, no que homenaxea o Atlántico arousán da súa nenez e o Pacífico da súa madurez.

Filósofo ecoloxista, o exército mexicano chegou a pensar que era o subcomandante Marcos, polo seu activismo. Neste tempo no que os escritores se dedican a versionar lugares comúns, textos como a súa Filosofía para desencantados son profundamente revulsivos e inconformistas, obrigando a saír do politicamente correcto, tanto a esquerdas como a dereitas.

Da Jandra é un exemplo do que a mestizaxe cultural e consciente pode chegar a conseguir.