Miradas dende os ollos da natureza

A. Parada

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O docente é autor dos textos da colección infantil científica «Animais extraordinarios»

20 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un neno de 10 anos está xogando na viguesa praia da Fonte. Porta unhas gafas e un tubo de mergullador, pero non os emprega para dedicarse a facer as típicas trasnadas da súa idade. El introdúcese coa intención de observar o máximo número posible de especies da flora e fauna dese areal. Catro anos máis tarde, ese mesmo rapaz está dando clases particulares a compañeiros e familiares. Cumpridos os 15, recibe de agasallo o seu primeiro microscopio, algo fóra do común en plena década dos setenta.

Con ese historial e esa vocación, digna dun Charles Darwin mozo recentemente desembarcado en Madagascar, non é de estrañar que Xulio Gutiérrez Roger (Vigo, 1958) se convertese nas dúas cousas que sempre amou: biólogo e docente. Dende 1992 é profesor no IES A Pobra do Caramiñal, mais tamén transmite os seus coñecementos a idades máis temperás. Pero dun xeito belo. É autor da serie de publicacións Animais extraordinarios de Factoría K de libros, da editorial Kalandraka.

Ciencia para nenos

Xulio Gutiérrez defínese como un «bichólogo», para explicar aquel interese polo mundo animal con esta nova categoría disciplinar. Cando Kalandraka -tras analizar os seus traballos académicos- lle propuxo estar ao cargo dunha nova liña de divulgación científica só lle podía vir unha cousa á cabeza: «Pensei naquelas lecturas áridas de cando tiña 12 anos e no que me gustaría ter lido con esa idade».

Coa bagaxe de todo o coñecemento adquirido durante décadas, decidiuse a explicar conceptos científicos mediante unha lectura amena, que prescindise de infantilismos e tópicos deste xénero, como adxudicarlle atributos dun ser humano aos animais. Así se fixo cargo duns textos que se afastaron radicalmente deses monumentais e tediosos compendios da súa adolescencia.

Non obstante, o biólogo conta cun poderoso aliado para facer máis atractiva aínda cada palabra, as ilustracións de Nicolás Fernández. A man que se oculta tras o pincel de cada debuxo funciona como unha simbiose perfecta con Gutiérrez. Cada un dos cinco exemplares publicados desta serie, abrangue un tempo de elaboración dun ano.

O vigués concibe o libro e encárgase dunha meticulosa fase de documentación, na que só selecciona as especies máis interesantes e sorprendentes, para logo facer unha criba coas doce mellores. Cando a redacción remata, Fernández inicia o período de observación en documentais, visitando museos e zoolóxicos para que ata a postura do animal sexa exacta coa que tería na realidade.

Ademais, este especialista en natureza realiza tamén unha difícil tarefa de interpretación. Por exemplo, no tomo máis recente, Ollos, para ilustrar as diferenzas da visión entre cada exemplar e o ser humano engade debuxos dobres con cada unha.

A cara oculta da natureza

«Non me interesa tanto a forma estética do ollo, senón a forma de visión. É dicir, explicarlle aos rapaces que os animais ven cousas que nós non podemos». Cando Xulio Gutiérrez fala, a sabedoría apodérase da súa lingua e descubre unha anécdota asombrosa de ata o insecto máis aparentemente insignificante.

Dende unha especie de visión nocturna incorporada aos globos oculares dos falcóns, a datos tan ben gardados como que o ollo dunha lura xigante pode superar o tamaño dun balón de baloncesto. Outras características parecen quitadas de lendas populares como a capacidade do camarón mantis de golpear coas súas patas á velocidade do disparo dunha bala, chegando a provocar roturas de dedos en nadadores incautos.

Satisfeito do seu traballo, ten moi claro os puntos fortes desta colección: «Por un lado teñen un compoñente de rigor científico, nos tempos que corren de tanta saturación de información errónea, e por outro, un artístico e de calidade do papel». Toda unha mirada á mesma natureza, dende o balcón de cada páxina.