Crítica e comentario

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

02 jul 2016 . Actualizado a las 05:10 h.

Estoutro día, asistindo a un funeral, Xulio sentiuse transportado a aquilo que narra Castelao nas memorias dun esqueleto, cando no adro da igrexa se asistía ó informe semanal da veciñanza para falar do tempo, do mercado ou da pesca, pero este día, mentres agradaban a chegada do cadaleito, as conversas eran moito máis globalizadas e opinábase, sobre todo, sobre o desastre da Selección de fútbol, con voces algo máis altas do que a prudencia do momento pedía, centrando o debate en quen fixo mellor papel, se os do Barça ou os do Madrid (de Nolito, o do Celta, ninguén se lembrou).

Logo, aínda que a Xulio lle gustaría seguir nesa discusión entre bos e malos sen mencionar ós da casa, arrastrado polo compromiso social entrou na igrexa, e xa mediado o acto relixioso escoitouse o bastón dunha veciña petando no chan do templo para atraer a desatención dos devotos. Subía a muller mirando a destra e sinistra na procura dun sitio onde sentar, sen achar lugar do seu agrado, e entón, a carón de Xulio, un dos asistentes murmurou con aparente coñecemento de causa que aquela nunca chegaba a unha misa completa nin atopaba sitio a gusto ata chegar case ó Altar Maior, «onde calquera día lle saca o sitio ó cura».

E Xulio, que non lembra de que trataban as lecturas ou a homilía, tróuxonos a nova de que aquela devota sempre sae da casa cando sente a campá, e coxa como é nunca chega a tempo, e cando lle din que saia un pouco antes di que ten todo o cargo da vida encima dela e non pode. E tamén nos di Xulio que aquel que todo o sabía aseguroulle que o gusto da muller por determinados lugares fai que non quede ó lado de san Miguel porque lle ten medo ó demo que o arcanxo pisa, e logo soña con el, nin se pon ó lado de santa Rita porque nunca lle axudou a levar unha boa vida de casada, e con san Amaro está enfadada porque non lle quita esa dor de osos que lle fai andar crequenando.

Xulio pensou para si «que mala lingua ten este», pero equivocábase. El, que sempre di que os adros son a grande ágora das parroquias, veunos dicindo que ese día sentiu que a ágora estendíase ó interior do templo, onde o requisito do rito non impediu que se falase da vida, que é do que fala a xente de ben. E cando rematou o acto e se volveu xuntar cos do adro para renovar as análises e opinións, tanto sobre equipos de fútbol como sobre políticos que só coñecen de Galicia a feira do marisco e algún club de iates, comprendeu que a crítica exaltada contra os foráneos vólvese comentario informativo cando se trata dos veciños, e para confirmalo, cando saíu a muller do bastón, aquel comentarista arredouse do grupo en que estaba para acercarse a preguntarlle como o levaba, se fora ó médico, se lle dera algo para os ósos e esas cousas de que se fala entre a boa veciñanza. O de dentro da igrexa, comprendeu agora Xulio, non era crítica, era un simple comentario de xustificación.