Voto racionalizado

Carlos L. Crespo ALCALDE DE OUTES

BARBANZA

01 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre considerei que todos os electores teñen unha «razón» para decantarse por unha opción política ou outra. Esa «razón» ten moita vinculación coa oferta que fan os grupos que se presentan en escena. O votante establece unha comparación entre as súas expectativas e as ofertas que se lle presentan e decide o voto, ben para acadar algo que necesita ou ben para evitar algo que se está producindo e non desexa. Unha vez depositado o voto, o elector observa o que fan os seus elixidos, no goberno ou na oposición, e compara a «razón» que o levou a votar esa opción coa súa «acción política». A maior grado de afinidade entre unha e outra vai corresponder un afianzamento nesa opción, e a menor afinidade vaise producir un distanciamento.

Este proceso dos electores pódese ir diluíndo cando o tempo entre unhas eleccións e as seguintes é longo (4 anos), pero cando se reduce, o determinismo deste proceso é moito maior. Isto prodúcese nas persoas que sitúan o voto na dirección «céfalo-cordial» (primeiro a cabeza e despois o corazón). Evidentemente, os que sitúan o voto na dirección «cardio-cefálica» (primeiro o corazón e despois a cabeza) non experimentan o devandito proceso intelectual e ao seu voto eu chamaríalle «voto ideoloxizado» fronte ao outro que chamaría «voto racionalizado».

Nestas eleccións presentábansenos, principalmente, tres propostas: Seguir como ata agora, recoñecendo aínda que timidamente a existencia da corrupción pero comprometéndose con firmeza a combatela, trufando toda actividade política de sentido común, prometendo consenso con outras forzas. Outra alternativa era cambiar todo, de maneira radical, pero con propostas pouco convincentes e, o máis grave para eles, pouco coincidentes coas formas de gobernar nos concellos onde o fan. As propostas ademais eran pouco claras e ata desconcertantes. A homoxeneización de socialdemocracia e comunismo e a seguridade coa que se autoproclamaban líderes sociais era un mal condimento.

Outra proposta, coa súa historia cargada de éxitos e etapas de goberno, presentábase con clara falta de liderado e coa inevitable necesidade de ser partenaire dunha proposta moi parecida na oferta programática pero moi distante na compoñente ideolóxica.

Así as cousas pódense considerar normais os resultados, coa particularidade de que en Galicia darían para unha maioría absoluta, cousa que non debe sorprender si se comparan todas as propostas coa forma de gobernar na Xunta.

En resumo, a fatiga do electorado, a falta de liderado de algunha proposta, o temor ao descoñecido e sobre todo a distorsión entre o que se prometeu na campaña de decembro e o que se fixo ata agora determinaron estes resultados. Os electores nunca se enganan, e se os enganan os elixidos, logo abandónanos.