Diario do derradeiro ocaso comunista

P. Bretal RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

O escritor e historiador Xerardo Agrafoxo vén de publicar «Viaxe á última revolución», unha novela sobre as súas estadías en Cuba

29 jun 2016 . Actualizado a las 22:08 h.

Cuba, 2014. Un estranxeiro está viaxando en camioneta camiño a Baracoa, á vez que conversa cunha enfermeira nativa. Tras presentarse como profesor en España, comeza a preguntarlle pola súa vida e profesión. Cando o vehículo fai unha parada mándano cambiar de transporte a un autobús. «Pero ya he pagado el billete». «No se preocupe». Durante horas o bus avanza ata que unha señora repara en que non é cubano: «Pero, ¿usted que hace aquí? ¡Este es el coche de la funeraria de Guantánamo! Todos somos familiares del muerto».

Ao cabo duns segundos, esa mesma muller reparou en que aquel forasteiro, ataviado cunha camiseta e gafas de sol baratas, era a persoa que súa irmá esperaba para acoller na casa. Detrás desas lentes de dous euros escóndese a mirada do escritor e historiador Xerardo Agrafoxo Pérez (Noia, 1952). Era a segunda vez que as súas pupilas se pousaban nunha illa que resistiu estoica a caída do muro de Berlín. O recollido polos seus ollos acaba de ser plasmado en Viaxe á última revolución (Galaxia), a súa novela máis recente.

Billete de ida e volta

Hai tres décadas, Xerardo Agrafoxo aterraba na Habana como turista. Mais o seu destino non foi o habitual deste rol, circunscrito a pulseira de hotel en Varadero ou a hamaca sobre a area dos seus cayos. «A realidade do país non ten nada que ver coas paisaxes exuberantes e as praias excepcionais», explicou quen camiñara polo malecón da capital sen atopar un só negocio propio.

A segunda vez que un funcionario estampaba a bandeira revolucionaria no seu pasaporte, unha vez máis, en lugar das noites de mojitos o noiés percorreu máis de 2.000 quilómetros aloxándose nas casas dos seus habitantes e recollendo as máis de 150 testemuñas que serviron de aval a unha crónica, onde están plasmados tamén meticulosos datos oficiais e históricos.

Como se dunha pantasma doutra época se tratase, Agrafoxo empregou camións reconvertidos da Segunda Guerra Mundial para viaxar, unha alternativa á marxe do Estado para os cubanos ante a baixa afluencia de autobuses, que non barateira, pois chega a custar un salario diario. A unha velocidade de 20 por hora, 100 quilómetros nun deles poden comprender cinco horas. Suficiente tempo para conversar largo e tendido. E aprender.

«Resolver é o verbo máis conxugado en Cuba, significa buscar a maneira de sobrevivir», este profesor de historia na Universidade de Santiago de Compostela analizou unha triste realidade, que obriga ás capas máis baixas da poboación a recorrer a «corruptelas», como a venta no mercado negro de gasolina ou a roubos nas fábricas ou de material escolar e sanitario.

«Hai 30 anos a cartela de racionamento cubría un mes, trala caída da Unión Soviética só cubre sete días», mencionou o escritor, á vez que analizaba un progresivo adelgazamento da Administración dende entón.

55 anos de embargo

«A diferenza fundamental é que segue a ser un sistema comunista, sen liberdade de expresión e cos medios de comunicación baixo control estatal, pero de economía mixta», afirmou en relación á apertura económica e aposta pola figura dos cuentapropistas (autónomos), que se está a vivir no contexto das reformas trala suba de Raúl Castro ao poder, e máis próximas de cara á pasada reactivación das relacións diplomáticas cos Estados Unidos.

Non obstante, Agrafoxo é crítico e recoñece os beneficios da revolución nos ámbitos dun sistema escolar que garantiu a alfabetización de todos os nenos, un sistema sanitario, que a pesares da falta de medios, chega a toda a illa, así como a ruptura da brecha de xénero encarnada nas súas mulleres. Aínda que tamén alude a que 70.000 médicos traballan fóra de Cuba por soldos maiores ou a que 8.000 mestres o fan en complexos hoteleiros.

«Non queda nada do orgullo revolucionario, pero hai un sentimento patriótico debido a ese noxento bloqueo económico norteamericano», incidiu sinalando que por esta medida, prolongada medio século no tempo, a illa ten que importar o 80% dos alimentos. Por esta razón, precisou que a imaxe de Fidel Castro foise derrubando, mentres que a de Ernesto Guevara (o Ché) permanece intacta como heroe nacional.

Mentres desempaca a equipaxe, Xerardo Agrafoxo xa pensa na vindeira parada, «a porta da emigración a Europa», Senegal. Ao fin e ao cabo, o mundo actual pode resumirse na resposta dun cubano sobre se podería subir a un tren polo que esperaron horas: «¿Y qué que usted sea extranjero? Si la locomotora es china».

Onde podo conseguir a obra? Viaxe á última revolución xa está dispoñible nas tendas e está editada por Xerais.

Presentación do libro: O autor estrearao en Noia, no Teatro Coliseo Noela, nun acto de Barbantia o 30 de setembro.