Pecados á carta

Juan ordóñez buela

BARBANZA

28 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os xogos de azar sempre foron o gran recurso dos pobres: xa que a paga ou a pensión non dá para máis, acódese á deusa Fortuna para que axude a sobrevivir. Moitos proban sorte todos os días e morren sen que lles toque nin un céntimo. Un drama. Pero o problema é o da ludopatía. No medio da tormenta monetaria que nos azouta, a súa santidade o Papa sérvenos unha espléndida carta de novos pecados, para que entreteñamos o estómago moral en tempos de vacas fracas. Non deixa de ser unha curiosa coincidencia que agora que o César nos recorta a nosa capacidade adquisitiva, ao representante de Deus na terra lle preocupe que os cristiáns dilapiden os seus soldos e os seus aforros en empresas tan arriscadas coma os xogos de azar e que, polo tanto, decida convertelos en pecado, así como o feito de non pagar os debidos impostos.

 

O que pretende vetando os xogos de azar é estimular aos seus devotos fieis a que frecuenten menos os lugares horrendos onde se dan cita os ludópatas e, en cambio, acudan máis á igrexa para pórlle cirios á virxe, o cal constitúe tamén en certo xeito un xogo de azar, xa que un non sempre obtén de Santa Rita ou San Pancracio, poñamos por caso, aquilo que se lle pediu a cambio do módico prezo que custa un cirio. O que non queda claro é se a ampliación destes novos pecados terá carácter retroactivo e así, por conseguinte, a muller que hai uns meses morreu achándose nun bingo, ao atragoarse cun anaco de comida cando ía cantar bingo, morreu en pecado mortal sen sabelo sequera.

Tampouco sabemos como farán no sucesivo os cristiáns invidentes, que ata agora vendían cupóns da ONCE, para conseguir gañar a vida honradamente, ou cal será a reciclaxe profesional á que deberán someterse os e as videntes, quirománticos e botadores de cartas que non se aveñan a vivir en pecado. Amais da súa condena a ludópatas, estafadores fiscais, homosexuais e condutores temerarios, o Papa declara no seu novo catecismo que o asasinato pode non ser pecado e que a guerra en ocasións é xusta. Posta a dúbida de todo, ata cando a realidade asoballa, a un gustaríalle comentar este último punto con calquera persoa das que veñen en pateira.