Máximo risco

Jacobo Feijoo

BARBANZA

28 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Medio Rural ven de publicar a resolución pola que se aproban as axudas aos montes veciñais, para prevención de incendios. Son axudas cofinanciadas pola Unión Europea. Trátase de que en zonas estratéxicas dos montes, o combustible estea controlado, para que en caso de lume este non progrese tan rápido, sexa máis fácil establecer liñas de defensa e apagalos, e haxa vías de entrada e saída seguras para os equipos de extinción. Ocorre que estas axudas se convocaron alá por decembro, e deberían de estar aprobadas moito antes, xa que estamos en época de máximo risco, e en canto suban as temperaturas estará prohibido meter maquinaria de traballo no monte polo perigo de incendio. Asemade, os proxectos de prevención que fan os distritos forestais, e logo saen a licitación para a súa execución, levan tamén un considerable retraso. Parece ser que é moito traballo facer dous ou tres proxectos de actuación por distrito forestal, en prazo.

A prevención é precisa durante todo o ano. Pero as perigosas vagas de lumes que dependen da lotería climática danse no verán. É inescusable que se mellore na eficacia na tramitación das axudas para que estes retrasos, que se repiten todos os anos, comecen a resolverse e poidamos afrontar as épocas de máximo risco cos deberes feitos.

Mellorar a xestión do noso monte non é so cousa de máis cartos, tamén de interese da Administración, que ten que escoitar ao sector, planificar con el, e dese xeito multiplicar o efecto no monte dos escasos recursos cos que se conta.