«A moitos lles impactou que optase pola música cun 9,75 en selectividade» O salto á Rede.

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo< / span>

Os seus temas namoraron a un bo grupo de artistas galegos, que os comparten na Rede

25 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

De nena, Aida Saco Beiroa non soñaba con ser actriz ou profesora, como a maioría. Ela quería ser compositora de bandas sonoras, unha idea que segundo ía crecendo non mudou. As súas primeiras notas foron nun piano de xoguete. Tiña 8 anos cando empezou a formarse co instrumento, que pasou a ser eléctrico, e entrou no conservatorio con 14. A súa entrega era tal, que acabou sacando os últimos catro cursos en dous anos. «Sempre fun boa estudante», recoñece, aínda que para esta alumna de deces a música nunca foi unha obriga, senón a súa paixón.

Moitos profesores do colexio de Asados recordarán os temas que a rianxeira lles dedicaba. «Só o facía cos mellores, claro», di cun sorriso cómplice. Sentada nunha terraza, cunha postura propia dun manual que só os pianistas e outros poucos elixidos teñen interiorizada, conta que comezou o instituto no Félix Muriel, pero ao rematar a ESO cambiouse a outro centro en Carril no que podía estudar o bacharelato de música, «aínda que agora desapareceu coa Lomce», di entre dentes.

Ía e viña todos os días cunha mestra de Rianxo que daba clases alí e, un par de veces por semana, ao saír do instituto, collía o tren hasta Santiago para acabar o conservatorio co profesor co que o comezou, Martín Millán, a quen lle profesa gran admiración. A isto hai que sumarlle os concertos individuais e colectivos que fixo durante o curso. «Foi un ano movido», admite a pianista de 18 anos, pero iso non repercutiu no seu expediente, no que só houbo un nove entre tanto dez, «curiosamente, na materia de linguaxe e práctica musical».

Con esta base de partida, a ninguén lle resultou raro que sacara unha das mellores notas nas probas de acceso á universidade. «O que a moitos lles impactou foi que optase pola música cun 9,75 na selectividade, podendo facer Medicina ou calquera outra carreira, pero os meus pais apoiáronme», sinala.

Club de fans de famosos

Por se non tivera poucas as frontes abertas, en setembro a rianxeira abriu unha canle de YouTube na que dar a coñecer as súas composicións. A xogada non lle saíu mal. Nuns meses conseguiu máis de 12.000 visitas e os seus temas namoraron a un bo grupo de artistas galegos, que os empezaron a compartir na Rede.

Aida grava as súas composicións no estudo que Barahúnda ten na súa mesma parroquia. Coñeceu ao grupo nun festival solidario a prol do Sáhara e pronto fixeron migas. De feito, a pianista fixo unha colaboración no seu último disco. O talento da rianxeira non pasa por alto e nos últimos tempos namorou a un bo número de artistas que tamén comparten nas redes os temas que saen de Leiro. «Son moitos: Uxía e Narf, Leandro Lamas, Ramiro Torres, Guadi Galego, Som do Galpóm, o poeta Xosé Iglesias...».

Soñando ao grande, a pianista da camiseta de Joy Division confesa que tocaría o ceo se compartise a súa música o compositor francés que fixo a banda sonora de clásicos como Amélie ou Good Bye, Lennin!, Yann Tiersen.

Mentres tanto, Aida ten pensado tomarse «un ano sabático, que na realidade non será tal, porque vou a dedicalo a compoñer e a avanzar co piano», conta. Tomarase uns días máis de descanso e en xullo porase mans á obra, para gozo dos seus veciños. Na aldea de A Igrexa, onde apenas hai media ducia de casas, terán concerto de balde nos próximos meses e o privilexio de ver como evoluciona a carreira da rianxeira, quen ten a deferencia de abrir a porta da solaina cando toca porque sabe que no lugar gusta que o faga.

O salto á Rede. Aida Saco abriu hai nove meses a súa propia canle en YouTube, á cal se pode acceder poñendo o nome da rianxeira. Explica que a ela lle gusta ver o traballo de outra xente que está comezando e decatouse que había na Rede poucos músicos novos que tocaran o seu instrumento, o que a animou a dar o salto.