O sete sabios de Grecia

Olegario Sampedro

BARBANZA

21 jun 2016 . Actualizado a las 21:50 h.

Poucos recordos gardo da miña formación universitaria con máis aprecio que as ensinanzas dun vello catedrático de filosofía, Herminio Barreiro. Solemne e vehemente declamaba os vellos preceptos do pensamento grego. Aforismos que frecuentemente reverdecen no meu maxín nun revolutum inconexo pero utilísimo.

Os resultados acadados polo alumnado da nosa comarca, na que xa é última selectividade da historia, evidencian, unha vez máis, que os nosos rapaces e rapazas están sobradamente preparados para franquear con éxito este obrigado e extenuante cabo de Hornos. «Persevera na túa educación», invocaba un daqueles proverbios.

O que resulta cuestionable é a innecesaria e gratuíta presión que lle imprimimos á nosa rapazada ao encarar estas probas: uns temarios académicos de proporcións desmedidas cunha alta porcentaxe de contidos memorísticos en detrimento dos instrumentais, unha competitividade exacerbada para acceder a determinadas titulacións, e unhas expectativas sociais e familiares que só axudan a amplificar o seu atribulado estado.

O paradoxal é que, dende o plano estritamente psicolóxico, a exposición a unha situación aguda, breve e non crónica, de estrés mellora o rendemento intelectual, ao ser un estímulo cognitivo de primeira orde, favorecer a adquisición de estratexias de adaptación psicosocial axeitadas e estimular o desenvolvemento neuropsicolóxico; pero como xa estaba escrito no frontispicio do templo de Apolo en Delfos : «Nada en demasía».

Non son poucos os xoves que nesta tesitura desenvolven cadros de ansiedade xeral e mesmo depresivos. É obvio que esta selectividade que remata precisa unha nova regulación máis racional, sosegada e na que se contemple que o alumnado non xogue o seu futuro a unha soa carta.

Cada lei educativa que se promulga debera ser unha oportunidade para introducir modificacións e melloras que favorezan a implantación dun sistema educativo sensato, igualitario, adaptado á realidade, pero sobre todo que xurda do consenso. «Busca a concordia», rezaban os sabios gregos. Empresa que, por desgraza e invariablemente, esquecemos facer.

Olegario Sampedro é doutor en Psicoloxía.