Selectividade e outros ritos malvados

BARBANZA

09 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Levaba 3 exames feitos das probas de acceso á selectividade e xa perdera a curiosidade e o nerviosismo. Estaba enfrascada na proba de debuxo cando comprobei que o punto de fuga se saía uns 25 cm da folla. Erguín a cabeza, máis enfadada que sorprendida, e axiña vin que Martín facía o mesmo e con idéntica expresión. E Cristina. E Carlos. Todos os de Burela! Cabarcos xa nolo advertira nunha desas longas diatribas que soltaba contra o selectivo: sempre fan igual, veredes que algo falla na cónica e tedes que perder tempo, por se non fose perda abonda a proba.

Quen máis quen menos terá as súas anécdotas, xa que o grande monstro do selectivo non foi máis ca un deses ritos iniciáticos polo que se pasa para ser aceptado en sociedade. Como superar as novatadas da mili: unha proba que dá medo e que marca o cambio de etapa, o visto bo á nosa institucionalización definitiva.

Dicíanme hoxe os alumnos: «Non foi para tanto. Os profes veñan a asustarnos e total é cuestión de repetir o que levas facendo todo o ano». Deron coa clave: selectivo é o instrumento co que lograr o obxectivo fundamental do ensino secundario: a estandarización.

Ken Robinson explícao moi ben na charla Cambiando o paradigma: a educación dos países occidentais mantense sen apenas cambios dende o XIX, e consiste en adaptar o modelo produtivo das factorías ás escolas. ¿Buscamos alumnado creativo, crítico, autónomo? non, buscamos alumnado que supere a selectividade. E para isto, se es profe de 2º de bacharelato, o mellor é que te robotices ti tamén e non perdas un minuto en experimentos.

Con este refutado sistema de estandarización non debe sorprendernos que se progrese ata chegarmos á Avaliación Individualizada Final, ou sen eufemismos: a Reválida Wert. Un plan para acabar con toda a «subxectividade do profesorado», coa única contrapartida de que se o alumno ten un día malo non obtén título de bacharelato. Non importa o proceso, só o resultado. Cuantitativamente medible.

Así que, querido alumnado que estes días sufrides o selectivo: gozade das anécdotas que vos trae, sabendo que saia como saia, vós tedes xa un título nas mans. Os que veñen (non o saben, son froito xa da Lomce) terán moita máis presión e menos oportunidades.

Ana Moreiras é docente no IES A Cachada de Boiro.