«O proceso Adiante pretende relanzar o proxecto nacionalista»

Xoán R. ALVITE MAZARICOS / CORRESPONSAL

BARBANZA

ALVITE

A vicerresponsable do Bloque na comarca Muros-Noia analiza a situación do partido e os retos inminentes

07 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai tres meses compatibiliza os cargos de máxima responsable da formación nacionalista en Mazaricos coa presenza no consello comarcal da área Muros-Noia e tamén no ente nacional no que, ademais dela, figuran outra ducia de persoas da bisbarra.

-¿Formar parte dos órganos de dirección do partido tanto a nivel local como comarcal axuda para comprender mellor a realidade da formación?

-Aceptei ambos cargos a principios do mes de marzo, despois da última asemblea xeral do BNG, polo que aínda é pronto para sabelo. É de supoñer que debe ser así e que saber as inquedanzas dos afiliados e simpatizantes a todos os niveis axudará para traballar con criterio e tamén con máis forza e ilusión.

-O BNG está actualmente en pleno proceso de refundación. ¿Que valoración fai deste asunto?

-O proceso Adiante ten a finalidade de reforzar e relanzar o proxecto nacionalista do BNG. Unha das súas características máis importantes é que se trata dun proceso totalmente participativo e aberto, no que se recollen e valoran todas as achegas de militantes e simpatizantes.

-¿Que pode achegar a comarca de Muros-Noia?

-Penso que todas as comarcas, e a nosa principalmente, xogan un papel importante neste proceso. No referente ao meu caso concreto penso que os responsables locais e comarcais debemos actuar de intermediarios nas propostas e ideas de todo o que queira formar parte deste proxecto.

-Os resultados obtidos pola súa formación nas últimas eleccións xerais foron notablemente inferiores aos de comicios anteriores. ¿A que pensa que foi debido?

-Nós-Candidatura Galega foi a única coalición totalmente galega e nacionalista, da que o BNG formaba parte. Hai quen atribúe este empeoramento nos resultados á desaparición das nosas propias siglas das papeletas. Persoalmente penso que se fixo unha campaña de boa calidade, pero moi breve, na que non houbo tempo de familiarizarse coa nova imaxe que nos representaba. O votante ten cada vez máis opcións de novas formacións que, desafortunadamente para o noso partido, contan con máis cobertura mediática. Mais sobre todo, debemos recoñecer e analizar os nosos erros, e traballar para que estes non se repitan.

-Vostede vai concorrer na lista do Bloque ás eleccións do 26-J. ¿Que expectativas barallan?

-Continuaremos o noso traballo achegando a opción nacionalista á veciñanza. Queremos recuperar a forza e o apoio do pobo, e para iso temos unha segunda oportunidade, á que acudiremos co nome de BNG-Nós. O noso partido é o único que garante a presenza de Galiza en Madrid e que defende os intereses do noso país. Por iso é preciso manter a representación no Congreso, e de ser posíbel, mellorala.

-Na súa área de influencia contan con dúas alcaldías, Mazaricos e Carnota, ¿como valora este primeiro ano de gobernos nacionalistas nestes concellos?

-Ramón Noceda volveu a ser alcalde de Carnota despois de que fai máis de vinte anos lle arrebatasen o mando municipal cunha moción de censura. Recolleu un Concello en declive, e está traballando co seu equipo por devolver a Carnota ó lugar que merece. A confianza dos seus veciños avala que esta sexa a súa segunda lexislatura consecutiva. Por outra banda, Mazaricos estivo estancado en vinte anos de goberno do PP. En apenas un ano de goberno, Juan José Blanco cumpriu case a totalidade do seu programa electoral.