«Os cartos que ían para pagar aos bancos están ao servizo dos veciños»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O rexedor afirma que goberno e oposición son quen de conxugar posturas para sacar adiante os proxectos

31 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O mandatario de Rianxo afronta o seu segundo mandato nun escenario distinto ao anterior porque o BNG non chegou a ningún acordo para gobernar con maioría. Pese a todo, Adolfo Muíños afirma que as iniciativas van saíndo adiante.

-¿Está resultando difícil afrontar este mandato en minoría?

-Non. Estanse antepoñendo o interese xeral e o ben común. Entre a responsabilidade da oposición e a vontade do executivo para lograr o consenso estanse sacando adiante os proxectos e estanse conseguindo acordos.

-¿Como está a situación económica das arcas locais?

-Estamos nun dos mellores escenarios dos últimos anos. A débeda reduciuse moito. Neste momento a débeda viva está nun 16%, unha das máis baixas da bisbarra, despois dunha época na que estábamos á cabeza en débeda por habitante. Sacámonos fóra o crédito financeiro e os cartos que ían para pagar aos bancos están ao servizo dos veciños. Demos prioridade ao aspecto financeiro porque estabamos obrigados a elo. Agora empezamos a ser autónomos e a responder ás necesidades da xente. Os orzamentos reflexarán ese camiño.

-Precisamente, os orzamentos aínda non se aprobaron.

-Están presentados á oposición, coa que tivemos xa varias reunións de traballo. Agora entran no tramo final, que consiste en plasmalos no papel. Existe unha vontade de acordo que se poñerá de manifesto nos orzamentos.

-¿Cales son os principais atrancos cos que se atopa?

-A maior dificultade, en parte pola situación de provisionalidade de Xunta e Deputación, é a de atopar interlocutores. Continúa sendo difícil establecer relacións coa Xunta e co Goberno central. No caso da Deputación, as cousas si melloraron. Isto é un problema porque é difícil buscar vías de financiamento distintas ás das subvencións e, por regra xeral, as axudas moitas veces son insuficientes.

-¿De que se sinte máis satisfeito durante este período?

-De tres cousas: o compromiso que temos da Deputación para a reforma da casa de Rafael Dieste, da axuda para converter o Liceo, un edificio que compramos, nun centro de social, e do aumento no número de horas de atención a persoas con dependencia, neste último caso por mediación da Xunta. Tamén hai outras intervencións menores que considero importantes, como un proxecto de mellora da totalidade das escolas unitarias que hai no municipio de Rianxo.

-¿Cales son as actuacións que considera prioritarias?

-Aprobar o planeamento neste mandato, o cambio das cinco mil luminarias do municipio, cun contrato similar ao aprobado en Ribeira ou Carballo, eliminar os atrancos para o concurso de recollida de lixo e incorporarnos a Serra do Barbanza, e examinar a viabilidade para municipalizar o servizo de auga aos veciños. A isto hai que engadir actuacións en materia de saneamento que, agardo, se concreten.