Aprender a divertirse novamente

Antón Parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

marcos creo< / span>

Rosana Lorenzo, estudante de Educación Social, desenvolveu un proxecto de integración cunha persoa con danos cerebrais

31 may 2016 . Actualizado a las 13:45 h.

O problema inevitable das páxinas do xornal é que teñen que albergar malas novas. Cando unha delas aínda recende a tinta húmida, todos se paran a pensar neses pobres descoñecidos, a veces reducidos a iniciais que se debaten entre a vida e a morte. Ata que pasa o día e a edición cuspe outro duro suceso. Mais iso non quere dicir que todo remate aí, a vida dese anónimo cambiou para sempre, incluso aspectos que non consideramos importantes, como o ocio e a diversión.

Hai oito anos un tráxico accidente de tráfico provocáballe un importante dano cerebral a un home de fóra do Barbanza, facéndolle padecer distintas doenzas a nivel cognitivo, emocional e físico. O comezo da rehabilitación atoulle unhas cadeas invisibles que o tiveron preso socialmente, primeiro durante un ano nunha clínica, e despois cada día nun centro ata hoxe. Esta é a historia de como Rosana Lorenzo Rivadulla (Lousame, 1991) lle devolveu o sorriso.

Reconstruír a amizade

Esta estudante do grao de Educación social na Universidade de Santiago de Compostela (USC) puxo o seu proxecto académico -tutorizado pola docente Yesshenia Vilas da materia de acción socioeducativa nas discapacidades- ao servizo desta persoa, cuxa identidade non será revelada por respecto a ela.

Reset. Volvendo a empezar. marcábase como obxectivo incrementar a súa independencia de forma normalizada, a través dunha serie de actividades individualizadas que reactivasen a súa participación na vida social. «Decidinme a por en valor o ocio, coa problemática que leva aparellado, para lograr a involucración plena da persoa neste ámbito», introduciu Lorenzo.

A mediados de febreiro, a universitaria lousamiá comezaba a deseñar e planificar a metodoloxía e actuacións a desenvolver. Tras unha semana de toma de contacto, marcada pola entrevista con este individuo e o seu entorno familiar, as metas fóronse ampliando ata dar cun ambicioso punto de chegada: «Restablecer unha antiga amizade que perdera a raíz do período de desconexión do accidente».

Aquel fatídico día na estrada supuxo o levantamento dunha barreira a unha relación que se remonta á mesma adolescencia. «Era necesario tirar de alguén do seu propio contexto para evitar o illamento social, non podía reducirse a saír só coa súa familia», explicou a moza. No pasado mes de abril comezaron a poñer en marcha o traballo.

A primeira parada tivo lugar nunha butaca, baixo a luz do proxector. O accidentado non acudira ao cine dende os 12 anos: «esta actividade axudoulle a fomentar a toma de decisións básicas, na elección da película, así como retomar novos escenarios onde establecer vínculos sociais». Por se ese reencontro fose pouco, á saída da sesión unha persoa moi especial estábaos esperando na porta.

Recuperar o ocio

Despois dun lapso de oito anos, chegou a explosión de sorpresa, anécdotas e ledicia, que se estendería a outras xornadas programadas. Entre elas destacou unha ruta pola cidade na que reside para coñecer os recursos sociocomunitarios dos que dispón, que xa estaba programada polo centro do que é usuario.

Neste apartado, Rosana Lorenzo engadiu a visión e metodoloxía da súa proposta de forma complementaria, pretendendo que o coñecemento destas oportunidades o motivara a interesarse por acceder a elas. Cuestión que xa foi confirmada, pois fará uso dalgún no futuro.

Por outra banda, a futura educadora social tamén contemplou o factor físico nunha partida de fútbol que realizou con outros integrantes das instalacións que lle brinda axuda. «Permitiunos intervir na parte física da discapacidade e coñecer mellor o estado das súas condicións», desenvolveu Lorenzo sobre o suxeito que sofre leves problemas de equilibrio e de orientación.

A última fase de Reset. Volvendo a empezar. non foi posible realizala, a causa do mal tempo. Trátase dunha andaina de sendeirismo por unha das paraxes naturais que empregaba habitualmente o protagonista do proxecto, xa que era afeccionado á caza deportiva. A pesares de que o curso rematou, esta rapaza non o entende como que o seu labor tamén. Durante este mes reuniranse pola súa conta para un último paseo.

Lorenzo logrou así un dobre mérito: ademais de ensinarlle de novo a sorrir, lembrounos ao resto o valor que garda un sorriso.