«As promesas electorais non se cumpren e non son capaces de xestionar recursos para o pobo»

La Voz

BARBANZA

31 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

a concelleira do PP rianxeiro Vanessa Martínez afirma que a situación se mantén: «Non hai nada novo por Rianxo». Asegura que «as promesas electorais non se cumpren e non son capaces de xestionar recursos para o pobo». A responsable do PP indica que o executivo ten as mans atadas economicamente e manifesta que hai catro anos, debido a que gobernaba en coalición co PSOE, non se falou con claridade das finanzas: «A débeda é maior do que se dixo. De haber explicado o que realmente pasaba, as cousas serían distintas». Recoñece que o seu grupo está nas reunións previas para elaborar o orzamento e agradece o xesto de que «por primeira vez nos fixeran partícipes, pero está claro que precisan de nós».

Unha das principais carencias que Vanessa Martínez detecta é que o goberno, afirma, é incapaz de xestionar cartos: «Non podemos facer obras por nós mesmos e os orzamentos son os que son. Nós témoslle ofertado a nosa colaboración para tratar con outras Administracións».

Dinamización económica

No que respecta ás actuacións que considera prioritarias, a concelleira indica que hai que dinamizar o comercio para que Rianxo reponte economicamente: «Eu entendo que o Concello está atado, pero hai que buscar fondos como sexa. Terá que saber a onde ten que ir e a quen ten que recorrer. A situación está ao borde do colapso. Nós intentamos axudar no que nos consultou».

Engade Martínez que a intención do PP é «facer unha oposición construtiva. Se precisa o noso apoio que nolo diga, nós intentaremos facer o mellor para o pobo de Rianxo e axudar aos veciños no que poidamos».

Para os integrantes do PP, resulta fundamental establecer as canles para que o municipio adquira maior dinamismo economicamente, de tal xeito que se propicien as condicións para que os veciños non marchen e para que haxa unha reactivación do comercio e tamén do tecido empresarial. Sen embargo, Martínez considera que a situación das finanzas locais supón un auténtico lastre para poder acometer algunhas das intervencións que serían necesarias neste momento, polo que entende que a situación é complexa.