«O único que temos en mente é que Rianxo mellore»

La Voz

BARBANZA

31 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten unha ampla traxectoria política a nivel municipal e, agora, como voceira do PSOE, Mari Carmen Figueira indica que o seu partido está a facer unha oposición construtiva: «O único que temos en mente é que Rianxo mellore e daremos todas as ideas que poidamos para conseguilo». A socialista recoñece que dende o executivo están intentando facer cousas, aínda que tamén recoñece algunhas carencias: «No rural estamos un pouco abandonados».

Durante os vindeiros tres anos, Mari Carmen Figueira considera que hai actuacións prioritarias, como o saneamento integral: «Porque aínda hai núcleos que non están saneados. A Administración autonómica ten que facilitar iso. Estamos prexudicando á ría e Rianxo vive dela».

Ao mesmo tempo, sinala que hai que dinamizar o polígono e propón como alternativa, dada a dificultade de moitas empresas para aportar os gastos de compra de parcelas e urbanización, polo que podería ser interesante ter naves para alugar. Outro tema que lle preocupa é o relativo ao transporte público, defende unha mellora neste sentido, incluso a nivel comarcal: «Os rapaces das áreas rurais están incomunicados para acudir a actividades a outros lugares». Tamén defende a necesidade de contar cun centro de día.

Polo que respecta á relación co executivo, fala da participación nos orzamentos e manifesta que é preciso contar con todos os grupos, xa non só estando en minoría: «Eu son unha muller de consenso. En política é importante recoller o que a xente sinte».

Por este motivo, Figueira recalca que a súa intención, e a do seu partido, é sempre a de colaborar e propiciar que se fagan cousas que poidan redundar en beneficio de todos.