Xogando con bonecas

Luís Pérez Barral BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

28 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos de vós lembraredes que en xaneiro presentei unha proposta para dinamizar o Museo Municipal de Ribeira mediante o traslado a outro lugar da colección de bonecas que alí se atopa, unha idea amparada por veciñanza e por artistas mais rexeitada polo PP, supostamente polas «malas maneiras da súa presentación». Pregunto eu, facelo ante a corporación municipal, órgano representativo da veciñanza, non é o lugar adecuado? Pois parece que para algúns non o é.

A iniciativa pretendía dotar dunha sala de usos múltiples o edificio e poder dinamizar esta instalación esquecida, pouco visitada e infrautilizada segundo o meu humilde parecer. A pesar de facer unha proposta en positivo, dialogada previamente con artistas ribeirenses, facela coa mellor intención e estar disposto a chegar a un amplo acordo que puidese representar a todas as partes, non puido saír adiante. Cal sería a sorpresa? Tras un arduo traballo de busca do convenio, non exento de trabas, descubrimos que non existe documento algún que formalice o depósito da colección das bonecas no museo, algo inaudito nunha institución pública. Alén da irregularidade de non ter convenio subscrito entre as partes, hai outra cousa que me parece máis grave, aínda que só sexa no plano moral, que é descubrir como o alcalde mentiu sen pudor durante a sesión plenaria para tentar colarnos un engano co que salvar a mala xestión realizada neste asunto.

E cal foi o traballo do BNG ante todo isto? Tenderlle a man ao goberno local para chegar a un acordo, mais a resposta foi calar e negarse a ter unha reunión para buscar solución. O PP preferiu xogar ao engano, creando falsas polémicas aducindo o suposto dano que lle ocasionamos ao concello e á propietaria das bonecas con esta proposta. O BNG preferiu ser honesto e apoiou, e así seguirá a facer, a todas as persoas que queren vivir e desfrutar dun museo vivo e dinámico, das artistas que desexan poder expor as súas obras ou das asociacións que poderán ter un local para realizaren as súas actividades. Aquí vedes dúas posturas e dúas maneiras de traballar, agora vós debedes valorar cal é a mellor. Luís Pérez Barral. Ribeira

Puede enviar sus buzones a redac.barbanza@lavoz.es