O mal ganar de Aquiles

 francisco ant. vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

MATALOBOS

28 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Diante deses grandes acontecementos deportivos nos que, máis cá disputa dun trofeo entre dous equipos se fai fincapé nalgún dos protagonistas como se a contenda fose un enfrontamento persoal, o deporte, como tal queda desvirtuado. E máis aínda cando o vencedor non sabe ganar ou o vencido non sabe perder.

Xulio compara a eses gladiadores (que non deportistas) co que pasou máis de mil anos antes de Cristo a carón das murallas de Troia, cando Héctor aceptou o desafío de Aquiles. Tal vez os dous máis grandes contendentes da antigüidade, pero tamén os máis representativos de dúas maneiras de ser que se repiten nos deportistas de hoxe en día. O orgullo contra a humildade, o equipo contra o individualismo e a ira contra a temperanza. Un modelo que pasea polos estadios e as páxinas deportivas servindo de exemplo a imitar por adolescentes que se fixan máis no endeusado, orgulloso, vingativo e egoísta, ca no modesto e colaborador que se contenta con dar o pase de gol. E é que ás veces, o deporte que debería ser exemplo de conduta é todo o contrario.

Hai uns días foi noticia un adestrador que, nun partido entre cativos, parou o xogo, a pesar de ir gañando, porque alguén desde as gradas insultaba e aldraxaba a un neno do equipo contrario ata facelo chorar. Foi un adestrador valente, capaz de desprezar o resultado en favor da deportividade, enfrontándose a un grupo de alborotadores que só axudan a que o neno odie o fútbol. E o malo é que non é raro ver nos campos deportivos ó vencido humillado por espectadores, pais de nenos incluídos, que prefiren a forza e o asoballamento antes que a destreza e a organización.

Aquiles, por non citar a outros personaxes actuais, é o prototipo de anticompañeirismo, capaz de encapricharse e deixar a todos na estacada. E talvez tamén sexa labor do adestrador reconducir a actitude dos endeusados que cando marcan un gol o celebran cara as gradas sinalándose a si mesmos cos dous polgares, «Aquí estou eu», como se o resto non fixese nada para facerlle chegar o balón a onde el está, transmitíndolle ós espectadores esa soberbia ata convertelos en seareiros da arrogancia e da vaidade.

Por desgraza, non hai que esforzarse moito para recoñecer ós Aquiles de hogano. E daquel combate troiano tamén deben aprender os adestradores de futuros heroes, para ensinarlle ós rapaces, e a quen os acompaña, o mala persoa que era aquel semideus, que non contento con derrotar a Héctor, para maior humillación do vencido e dos seus seareiros, paseou o seu cadáver atado a un carro e arrastrándoo polo chan, porque a Aquiles, como a algúns deportistas de elite, non lles basta gañar, senón que aínda teñen que humillar. E ante tan mal exemplo será bo lembrar que ese individualismo e arrogancia á larga sempre acaba mal, e Aquiles, de tanto presumir de invulnerable, acabou deixando ó descuberto o talón no que lle cravaron a frecha mortal e ninguén se apiadou del.