«Nunca se dou tanta información dende o goberno como agora»

J. M. Sande / A. Gerpe

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A rexedora afirma que «cos recursos que temos estamos facendo un bo labor», e engade que o seu programa é realista

26 may 2016 . Actualizado a las 14:02 h.

Con só tres concelleiros, María Xosé Alfonso, ao fronte de Compromiso por Galicia, asumiu o mando do goberno municipal. O escaso grupo co que conta condiciona as accións do executivo, pero a rexedora afirma que «cos recursos que temos creo que estamos facendo un bo labor».

-¿A realización do programa do seu partido vese moi condicionada pola minoría coa que goberna?

-Nós xa fixemos un programa moi factible. Puxemos actuacións que son prioritarias e sinxelas de resolver, diferenciando entre as cuestións que eran competencia do executivo e as que correspondían a outras Administracións. O noso programa é realista, concreto e resulta difícil que a oposición vote en contra.

-¿Por exemplo?

-Nas actuacións grandes todos os grupos coincidimos na necesidade de afrontalas, ao igual que en cuestións como a redución do IBI, que era algo que levábamos no noso programa e no que insistimos durante a campaña.

-Dende a oposición acúsase ao seu partido de parálise.

-Non é certo. Si é verdade que temos algunhas dificultades porque somos tres concelleiros e, ademais, atopámonos con moitos problemas, pero tamén fomos resolvendo moitos. Dinamizamos o sector cultural e turístico, así como a praza de abastos. Modificamos o sistema de selección de persoal. Hai retrasos no departamento de intervención, motivados pola falta de persoal. Na actualidade continuamos sen tesoureiro.

-¿Como é a relación coas outras Administracións?

-Hai de todo. Coa Deputación, por exemplo, solicitamos unha reunión para abordar o arranxo da estrada de Abelleira a Paxareiras e o presidente recibiunos de contado. Coa Xunta, a situación cambia. Teño pedida unha entrevista con Augas de Galicia e sigo agardando, ao igual que por outra con Urbanismo para abordar aspectos relativos aos núcleos afectados por Costas nas zonas rurais.

-¿Pensou en intentar un acordo con algún grupo da oposición para ter máis estabilidade?

-Estamos abertos a falar con calquera grupo, pero chegar a un pacto a estas alturas non o vexo moi doado. Invitamos a todos os partidos a formar parte da xunta de goberno con voz e voto e ningún quixo. Parecíanos unha medida moi boa para darlles participación na toma de decisións e dáme pena porque é unha oportunidade perdida para a cidadanía de ter un diálogo constante entre todos, pero nunca se dou tanta información dende o goberno como agora.

-A oposición pediulle que renunciara, ¿pensa facelo?

-Non. Son alcaldesa porque o PSOE así o quixo e cos recursos que temos estamos facendo un bo labor.

-¿Como vai a elaboración dos orzamentos?

-Seguimos traballando neles, pero hai poucos avances porque estannos chegando demasiadas sorpresas que afectan ao orzamento, como o resultado de sentenzas xudiciais e reclamacións de axudas que hai que devolver. Iso está alterando as contas.