Encrucilladas persoais

BARBANZA

25 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días hai moitas persoas vivindo unha encrucillada persoal común para todos eles e que podería determinar en boa medida o seu futuro. Non hai máis que ver as bibliotecas ateigadas de xente que prepara as oposicións convocadas por Educación, os exames finais da carreira ou a selectividade. Precisamente, hai uns días, os alumnos de segundo de bacharelato remataron a súa etapa no instituto, cando menos no instituto no que levan toda a vida, e están a un paso de enfrontarse a unha das probas máis difíciles da súa vida, e non é a selectividade. Chegoulles o momento de decidir que queren ser de maiores, un camiño, salvo en casos puntuais de vocacións ben definidas, moi difícil de tomar aos 18 anos.

As fotos dos actos de graduación ?aínda que é unha moda importada recentemente que antes non existía? e a imaxe de bibliotecas ateigadas de mozos coa mirada fixa nos libros fixéronme lembrar a incertidume coa que eu vivín todo aquilo, os nervios previos ao exame con maiúsculas que ía decidir en boa medida onde estudaría, o abismo dun futuro incerto que se abría ante min.

Tranquilos rapaces, sobreviviredes, esta é só a primeira etapa da vosa vida adulta. Pasará, e moi probablemente moitos acabaredes nun lugar que non esperabades, que nin sequera sodes capaces de imaxinar agora mesmo. É moi raro que algo suceda coma un o espera, nin sequera no que respecta ao traballo, pero aí está a graza, en ir vendo a onde o leva a vida a un, en sentir a vertixe do descoñecido, aínda que moitas veces nos gustaría máis pisar sobre o certo e o seguro.

Sen embargo, tamén hai casos nos que un acaba exactamente onde debería estar; con matices, claro, porque a perfección non existe, pero hai quen acaba facendo aquilo para que o naceu. Eu coñezo algúns exemplos de persoas así, e un deles vén agora a conto porque o seu traballo acaba de ser recoñecido con tres estatuíñas no festival de Cans.

Hai unhas semanas presumía nestas liñas de Rianxo e da súa cultura, falaba da literatura e do teatro, pero non do audiovisual, un medio no que tamén temos representantes máis que dignos, como demostraron as nominacións aos últimos premios Mestre Mateo. Fran X. Rodríguez é un deles. Acordeime del por ser compañeiro, de clase, de horas de estudo na biblioteca e desa incerteza sobre o futuro máis próximo que se abría ante a nosa xeración unha vez se pechase detrás de nós a porta do Félix Muriel. Non sei se el o sabía, pero eu creo que é un dos elixidos, unha desas persoas que saíu da encrucillada e está onde debe estar, escribindo o seu nome nos palmarés e nas listaxes de finalistas dos festivais audiovisuais.