Un acto para celebrar un cuarto de século ao servizo das aulas

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A inauguración dun mosaico, así como a presentación dun libro de Gerardo Rodríguez acompañaron esta cerimonia entrañable

24 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non todos os días se cumpren anos, pero se a esa excepcionalidade se lle suma o feito de que sexa un instituto o que o faga e que ese período corresponda a 25 cursos, o adxectivo a empregar debería ser «histórico». Esa é a catalogación que a mañá de onte recibiu nas instalacións do IES Espiñeira de Boiro.

No acto houbo gran presenza de representantes da consellería de Educación. Ao fronte estiveron Indalecio Cabana, xefe territorial da Coruña, xunto a Elvira Casal, subdirectora xeral de planificación e dinamización lingüística. Mais tamén acudiu o alcalde do Concello boirense, Juan José Dieste ou antigos docentes como Xosé Lois Piñeiro, actualmente rexedor pobrense.

Non obstante, todos os ollos estaban postos nunha persoa moi especial que, en tan só un ano, lograra conquistar o corazón de todo o centro educativo. Gerardo Díaz Ramos -máis coñecido como Chere- actualmente imparte clase en Vilagarcía de Arousa, pero antano foi o profesor que coordinou o grupo de traballo da obra Leo galego (presentada tamén ao calor deste evento), así como o coautor do mosaico conmemorativo da actividade académica dun cuarto de século.

A cerimonia iniciouse entre as liñas extraídas do Vento mareiro de Ramón Cabanillas, que foron sopradas por varios rapaces de primeiro da ESO. Ademais, este era o contexto que entrañaban as porcións de cerámica.

Defender o galego

Co chascarraschás das pandeiretas de dúas estudantes de primeiro de bacharelato proseguía un acto, impulsado en gran medida polo Equipo de Dinamización Lingüística (EDL) deste centro, e que fixo soar a canción popular Beira do mar. Deste xeito, o escenario estaba listo para que subira Gerardo Díaz a poñer en común o libro que emprega un xogo de palabras co nome do seu fillo -Leo- co verbo.

Esta obra foi realizada en colaboración con varios homólogos educativos do IES Espiñeira como: o CEIP Escarabote, o CEIP O Grupo de Ribeira, o CPI do Toural en Vilaboa e o CEIP O Piñeiriño de Vilagarcía (onde da clase Chere actualmente e que tamén reproduciu un mural similar). Leo galego pretende ser unha demostración de todo o que se pode facer nesta lingua, por iso ao final de cada exemplar se dedica unha páxina ao que non se pode facer. Esta última é unha folla en branco.

«Non envíamos mensaxes, senón Whatsapps, e en vez de falar de cómo se fixo tal cousa, dicimos o making of. Pero aí está o noso EDL para lembrarnos que o galego é a nosa lingua e está viva», expresou a directora do instituto, Mercedes Rodríguez, en alusión ao time-lapse amosado que o xefe de estudios, Manuel Pimentel, editou da construción do mosaico. O resto xa é historia.