Diñeiro público, servizos privados

Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

21 may 2016 . Actualizado a las 12:00 h.

Desde hai una temporada demasiado longa, os cidadáns deste país almorzamos, un día si e outro tamén, con novas que falan de corrupción, paraísos fiscais, diñeiro negro a mans cheas que algúns branquean cunha facilidade pasmosa, fraudes a Hacienda -que, polo visto, non somos todos- e malversación de fondos públicos. A situación acada tal nivel de casos desta pelaxe que chega un momento no que a cidadanía acaba inmunizada ante os titulares que enumeran a gran variedade de formas de delinquir que existen, estamos perdendo a capacidade de escandalizarnos ante os roubos en toda regra que se cometen diante da nosa cara. E mentres uns se dedican a meter no peto os cartos de todos, outros sofren os recortes en servizos básicos. Que digo básicos, son servizos esenciais para a supervivencia. Coas cousas de comer non se xoga, e coa sanidade menos.

O problema do sistema sanitario non son unicamente os recortes, que tamén, pero ¡cantas cousas non se poderían cambiar con esas cifras millonarias das que se fala en canta operación contra a corrupción que sae á luz! A Xunta vén de anunciar unha nova partida para reforzar a atención e reducir as listas de espera, pero para moitos chega demasiado tarde. E a outros non lles queda máis que facerlle unha finta ao sistema e acudir á sanidade privada, se é que pode pagala.

E mentres non sabemos que pasa co diñeiro público porque a lei da transparencia cada un pode aplicala como lle pete, ou non facelo, ten que ser o gran imperio Inditex o que merque equipos médicos para loitar contra o cancro nos hospitais de Galicia, e agora tamén de Andalucía. Que me parece moi ben que o señor Amancio Ortega teña a ben gastar a súa fortuna en botar unha man para soster o sistema, pero non me parece que esa sexa a maneira. Igual esa xenerosidade é a cambio de nada, non digo que non, pero para iso está o Estado, ese Estado do benestar do que cada vez queda menos. E que Deus nos libre dunha desgraza e Zara vaia a pique porque a ver logo quen se encarga de dotar aos centros hospitalarios de mamógrafos e aparatos de radioterapia.

Os cidadáns da comarca que pagan impostos fano para ter unha resposta en forma de servizos, e no que respecta ao sistema sanitario, iso non sempre se dá. A demanda de máis pediatras para evitar que moitos cativos pasen semanas sen poder ver ao especialista é xa vella e segue vixente. Tampouco se entende que calquera clínica privada por pequena que sexa teña a posibilidade de facer aos seus pacientes placas de raios X e que calquera veciño dun concello como pode ser o de Rianxo teña que facer unha viaxe, igual innecesaria, a Santiago para unha proba tan sinxela.