Quilómetros para afastar o cancro

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Daniel Portela

O ribeirense José Manuel Cardalda percorreu en moto todos os concellos galegos para a iniciativa solidaria «Rodando contra el cáncer»

06 may 2016 . Actualizado a las 19:06 h.

A vida pode ser comprendida como unha difícil e bela viaxe, na que todos desexamos chegar á fin da estrada atesourando cada recordo recompilado a través de quilómetros de vivencias. Desafortunadamente, o camiño non é sempre o mesmo para todos.

Hai catro anos, José Manuel Cardalda Novo (Ribeira, 1967) estivo involucrado nun proxecto solidario deportivo de conseguir unha moto, para que o piloto Antonio Maheso puidese correr no campionato TT da británica illa de Man. Tras conseguilo, este amante do motor, dende hai 20 anos, sentiuse co sabor agridoce de que iso non era suficiente, de que podía empregar as súas forzas en lograr algo máis extensible ao conxunto da sociedade.

Hoxe non queda nada amargo do pasado. José Cardalda é o responsable de organizar un proxecto a nivel nacional denominado: Rodando contra el cáncer. Tras unha peregrinación realizada en 24 xornadas sen GPS, armado soamente con rudimentarios mapas feitos a man, percorreu cada concello de Galicia sobre a súa Triumph Tiger de 800 cc, para quitar unha foto desta diante de cada casa consistorial. A idea é que os concellos doen un céntimo de euro por habitante -ou o que estimen pertinente- á loita contra este mal, que recibirá a Asociación Española Contra el Cáncer (AECC).

 

 

Liña de saída

Despois de barallar diversas doenzas, como a esclerose múltiple que padece o seu pai, decantouse por unha lacra que está preto de toda a poboación. «O cancro non pode ser un tabú, debemos loitar todos xuntos contra el de forma natural», explicou aquel que perdeu ao tres familiares por este motivo.

Así se comezou a deseñar, durante dous anos fóra de foco, un propósito que foi arroupado dende a Rede, coa colaboración inestimable de Moncho Lorenzo e Víctor Monteagudo, usuarios dun foro de Triumph do que Cardalda é administrador. Desta forma, en tan só seis semanas, foise creando un equipo que hoxe alcanzou a cifra 47 integrantes de diversos puntos do territorio español, con representantes en cada provincia (excepto as de Galicia que realizou el só).

Ademais, dos 8.122 concellos, sen contar o ámbito galego, xa cubriron 4.000. Curiosamente, esa é a mesma cantidade que solicitan na campaña de crowdfunding e a mesma que xa se recibiu. Como se dalgunha forma, cada centímetro obtivese resposta. Tal foi a acollida que lograron involucrar, como embaixadores internacionais, a Alicia Sornosa -única española que deu a volta ao mundo en moto- e a o moto aventureiro Gustavo Cuervo.

«A min a moto dáme un plus de vida, eu quero devolver ese ocio loitando pola dos demais», sentenciaba o seu impulsor. O que descoñecía é que acabaría pelexando tamén pola súa. Se o 26 de xullo de 2014 se lanzaba á estrada por primeira vez, o 27 de agosto era diagnosticado dun cancro de gorxa.

 

Completar a viaxe

«Había días que saía cos amigos na moto e preguntábame se aquela sería a miña última viaxe», Cardalda viviu centos de sensacións distintas, incluído o medo. Pero nunca se lle pasou pola cabeza desistir da meta que se marcara. Sen dispositivo que o orientase, foi parando en cada carreteira de montaña falando e aprendendo coa poboación, con cada señor maior que mataba o tempo diante da porta de fogares espallados pola rica e natural paisaxe de Galicia.

Nese período someteuse a dúas intervencións médicas de carácter importante, ata que dous meses despois -o 28 de outubro dese mesmo ano- comunicábanlle unha remisión do cancro. «A recadación é importante pero nós o que pretendemos é facer un chamamento á sociedade. Queremos que as institucións públicas entendan que non pode haber máis recortes en sanidade ou en investigación», desvelou do verdadeiro obxectivo detrás de Rodando contra el cáncer.

O vindeiro sábado 21 de maio, ás seis da tarde, poñeranlle a guinda ao pastel diante do Concello de Lalín. O último que completara a listaxe dos municipios galegos visitados por Cardalda será o escenario dunha xuntanza dos participantes. Dáse a coincidencia de que esta cidade alberga o quilómetro cero das estradas galegas. Pero a esta altura do camiño, son raras as casualidades.

O proxecto na Rede: está aberta unha campaña de doazóns por crowdfunding a través de: migranodearena.com, á que se pode acceder dende a páxina web creada: rodandocontraelcancer.com.