«Film Commission»

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

06 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Quero contar unha historia que me pasou hai poucos meses, cando estiven rodando cun equipo da produtora canadense Take 5 o episodio final da serie documental Real Vikings, que está a acompañar a emisión da tempada actual da serie de ficción Vikings na canle Historia.

Seleccionei diferentes localizacións da Costa da Morte vinculadas ao mundo altomedieval e á época das andainas de Ragnar Lothbrok e os seus colegas. Nun momento determinado, o director da serie, Kenton Vaughan, literalmente empachado de tanta beleza paisaxística, confesoume: «Cando saiban destes lugares os meus compañeiros da serie de ficción van morrer de envexa».

Para Vaughan, os escenarios épicos da Costa da Morte non só cabían perfectamente na filmación da espectacular serie Vikings, senón que melloraban moitas das localizacións existentes, rodadas actualmente en Irlanda, Escocia ou Escandinavia.

O que habería que preguntarse, entón, é por que a Costa da Morte segue a ser un secreto e a penas é aproveitado como plató de nivel mundial. Parte do problema está en que a política de promoción turística galega continúa dirixíndose só ao público español e familiar.

Teriamos que preguntarnos se non conviría comezar a desenvolver organismos que fixeran, racionalmente, as funcións das «film commission» e venderan a costa non só a familias comedoras de marisco, senón directamente ás produtoras internacionais que queiran usar un escenario tan descoñecido como único.