«A indecisión sempre está presente, sobre todo ante a Lomce»

Antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O pedagogo analizou os actos xa levados a cabo na Semana da Orientación, así como os vindeiros eventos

04 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

José Luis Romero Maneiro (Boiro, 1974) xa leva sete anos como orientador no IES de A Pobra. Tres anos antes da súa chegada ao centro, estreábase un evento que co tempo foise convertendo en imprescindible para dar resposta a todas as dúbidas do alumnado sobre o seu futuro académico e laboral. A novena Semana da Orientación está sendo un éxito dende que comezou o pasado 28 de abril. O vindeiro martes producirase o peche desta edición, que leva por título Decisión conxuntas.

-¿Cal é o obxectivo desta cita anual xa consolidada?

-A Semana da Orientación iniciouse no seu momento pola inquedanza dos rapaces, que están próximos a rematar algunha das súas etapas formativas, para obter documentación e información sobre o seu futuro laboral.

-¿Incorporaron algún tipo de charla nova nesta edición?

-Por exemplo, en primeiro da ESO apostouse por varias charlas sobre as redes sociais. Estas medidas -paliando os ricos que poden ter- son beneficiosas segundo o uso que se lles dea. Por outro lado, a agrupación pobrense de Protección Civil acudiu a realizar coloquios sobre primeiros auxilios para os rapaces de segundo da ESO. Segue a liña que mantemos durante o curso de promover cuestións como a educación social, os protocolos de absentismo no centro ou os de prevención contra incendios.

-¿E no tocante ao ámbito máis propio da orientación?

-Sempre lle damos moito valor á visita de pais e alumnos de sexto de primaria ao instituto. É un cambio que ás veces se produce de forma turbulenta e que pode afectar de maneira emocional ao alumnado. Nós pretendemos que se faga o máis sensato posible, para tranquilizalos e que vexan que a incorporación a esa nova etapa non ten por que influír no aspecto académico. Do mesmo xeito, abordamos en actos informativos cos proxenitores a implantación da Lomce.

-¿Esta iniciativa lévase a cabo en solitario?

-Igual que noutros anos, sempre contamos con servizo externos ao centro, o que nos agrada e motiva. Sen eles non conseguiríamos os resultados positivos. Ademais da Cruz Vermella e dos servizos sanitarios contamos cun acto da Garda Civil. Neste marco, o vindeiro martes teremos a charla Educación na igualdade, prevención e violencia de xénero, no auditorio Valle-Inclán ás sete da tarde, da psiquiatra Lola Ferreiro. Está artellada en colaboración cos distintos centros educativos do concello.

-Na súa opinión, ¿os alumnos chegan coas ideas claras cando petan na porta do seu despacho?

-A indecisión está sempre presente, sobre todo ante a Lomce. O novo tronco das materias implica que en segundo ou en terceiro teñan que ir perfilando a elección que tomarán de cara ao seu futuro. Por iso facemos a intervención cos pais e coa maior información posible. Hai que traballar coa prudencia para que esta sexa obxectiva e posúa rigor e criterio. É certo que os estudantes saben discernir cando facer un ciclo ou o bacharelato.

-¿Notaron unha baixada nas pretensións de cursar carreiras?

-Neste centro non. Ás veces os rapaces saben primar o que implica facer o bacharelato ou un ciclo para acceder a unha universidade. Nós transmitímoslle que son dúas vías paralelas non excluíntes. Contra o tópico existe a alternativa de facer ciclo medio e superior para acceder á carreira. Implica un maior percorrido en anos, pero permite que un alumno se inicie antes nun oficio e nun perfil explícito dun sector.