Artes anima aos mozos a crear poesías

BARBANZA

A entidade ven de convocar un certame de poesía que está dotado con 900 euros

03 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis, e van xa tres, o Centro Recreativo de Artes quere animar ás novas xeracións a escribir versos. Con este motivo, a entidade ven de convocar un certame de poesía que está dotado con 900 euros. Poderán concorrer os mozos con idades comprendidas entre os 9 e os 17 anos, que dispoñen ata o vindeiro día 31 para facer chegar as súas creacións á sede da entidade. 

Neste concurso establécense tres categorías (autores de 9 a 11 anos, de 12 a 14 e de 15 a 17), fixándose para cada unha delas tres premios de 150, 100 e 50 euros, que se entregarán en forma de vales para a compra de material escolar ou deportivo.

Os únicos requisitos que pon a entidade de Artes é que os poemas estean escritos en galego e que a súa extensión sexa, en función da categoría, dun máximo de 30, 50 e 100 versos. A idea do Centro Recreativo é facer público o fallo do xurado o 24 do mes que ven, coincidindo cunha nova edición do Xuño da Cultura e as Artes que se está a preparar desde a Concellería de Cultura de Ribeira. No acto, entregarase aos asistentes un libro con todos os poemas seleccionados.

As bases completas deste concurso de poesía pódense consultar na páxina web do museo etnográfico de Artes e en www.riveira.gal.