«A xente non pode cansarse nunca de esixir a dignidade»

Antón Parada

BARBANZA

MARCOS CREO

A CIG volve a ser o único sindicato que encabeza a protesta do Primeiro de Maio no concello de Ribeira

30 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O son dunha megafonía que cada vez está máis próxima vai formando un crescendo dunha melodía histórica. A voz dunha persoa interrompe o coro da Internacional comunista. Anúnciase a convocatoria dunha nova manifestación do Primeiro de Maio en Ribeira, para mañá ao mediodía no mercado municipal. En primeira liña da pancarta atoparase Xan García Suárez (Outes, 1964), responsable da CIG na comarca do Barbanza.

-¿Seguen a existir motivos para saír á rúa o Primeiro de Maio?

-Esta data sempre foi de loita, porque por desgraza sempre houbo razóns para manifestarnos en defensa dos intereses da maioría social. A clase traballadora, dende o punto de vista da CIG, non se conforma co marco político-social establecido. Non nos acomodamos, xa imos pola décimo sexta convocatoria continuada dende o 2000. A xente non pode cansarse nunca de esixir a dignidade.

-¿Onde queren poñen o foco nesta edición de reivindicación?

-Este ano imos centrarnos na retirada das reformas laborais e da Lei Mordaza, mellor dito contrarreformas, iniciadas polo PSOE no seu día e acentuadas polo PP dunha forma máis grave nos últimos tempos. Segundo eles tiñan relación co tema da crise, afirmaron que existía rixidez no sistema laboral. Puidemos comprobar que o único obxectivo real que tiveron foi o da precarización xeneralizada das condicións laborais, que provocou unha caída brutal dos salarios, e polo tanto, do poder adquisitivo das familias.

-Entendo que detrás desta protesta hai un fondo de propostas.

-Claro. Por exemplo, propoñemos que o salario mínimo interprofesional, agora mesmo unha vergoña de 620 euros, fose o 60% do salario medio [aproximadamente entre 1.200 e 1.500 euros brutos]. Pedimos a reversión destas reformas porque non incidiron só no económico. En materia de negociación colectiva esa flexibilidade legalizou o que antes era ilegal, disfrazaron as horas extras como complementarias. 

-¿Detectaron cambios positivos?

-En ningún sitio se percibe unha mellora no día a día das persoas. Temos un exemplo moi claro na conserva, por voz de Anfaco, falouse dun ano bo, con inversión na innovación e creación de postos de traballo. Estamos de acordo, pero o que non entendemos son as súas propostas, como a de suprimir o plus de antigüidade [por trienios], en detrimento dun de permanencia que se cobraría dende os 22 anos traballados. Tamén queremos facer fincapé nos datos do paro, pois contabilízanse o paro rexistrado en vez do rexistro de parados, xa que moitos deles non se inscriben. No que vai do 2016, 20.000 persoas tiveron que emigrar e evidentemente non forman parte desa listaxe de desempregados.

-¿Por que clamar contra a nova Lei de Seguridade Cidadá?

-Precisamente foi un complemento accesorio, un instrumento do Partido Popular para implantar estas reformas e reprimir aos movementos sociais cando pretenden facerlle fronte a estas políticas agresivas. Que necesidade había de reformar o código penal? Estivemos vendo multas  contra quen protestou polos desafiuzamentos ou as preferentes, pero non entendo como se pode sancionar a unha persoa cun megáfono, cando nunha final de fútbol se arma escándalo e quitan bandeiras dende os coches.