«Na actualidade estanse a editar os máis fermosos libros en papel»

Gago, tamén gastrónomo, destaca a despensa natural que é BarbanzaManuel Gago Xornalista, arqueólogo

.

Para presentar a Manuel Gago escollería o vídeo no que visita a illa dos mortos, Ghidoiro, talvez porque nel amosa as súas abondosas habelencias como comunicador e a súa paixón pola terra. Con estas credenciais, é doado achegarse á súa traxectoria vital e indagar nun amplo percorrido profesional que denota xenerosidade.

-Ghidoiro Areoso é un reto, un Avalon para regresar un día a soñar?

-É unha metáfora do que quero para este país. Para algúns era só un areeiro onde ir de excursión, sen saber que se trata dun valioso almacén da prehistoria galega. Os pobos atlánticos compartimos dous fetiches: as illas e os mortos. A partir desa paixón nosa é doado construír un relato atractivo.

-Teu irmán é investigador na Antártida. Determinismo ambiental na ansia dos Gago por descubrir o mundo desde Palmeira? E haberá petróglifos ocultos na Antártida?

-Que meu irmán e máis eu sairamos curiosos -en disciplinas distintas- ten máis que ver co ambiente de formación e cultura que crearon meus pais que co determinismo. E, por certo, se nalgún momento se descubrira unha poboación antiga na Antártida cambiaría a Historia da Humanidade. Non sería mal desafío para o século XXI.

-Describe nunha breve anécdota da túa infancia no Barbanza.

-Cando morreu o meu avó paterno, a miña avoa sentoume á cabeceira da mesa. Era o máis vello dos netos e aquel aceno só era a punta dun universo de ritualismos.

-Que significa para ti dar un paseo pola Curota e contemplar a Pedra Leirada?

-Rilke dicía que a verdadeira patria é a infancia. Se a alma existe, para min son os chans do Barbanza: son o meu territorio emocional. Estou redescubrindo todo ese patrimonio da infancia grazas ás novas tecnoloxías e todo o que levo aprendido por aí.

-Adoita dicirse que o gusto pola gastronomía sempre se herda dunha muller da familia.

-A cociña na miña familia era un asunto feminino. Destaco o pantullo da miña avoa de Palmeira, o guiso de carne e chícharos da miña avoa de San Lázaro ou os excelentes callos que fai miña nai.

-Escoiteille dicir a Ferrán Adriá que un luxo podía ser rabechar no pan que acabas de mercar. Dime un luxo culinario sen Estrela Michelín.

-O luxo no Barbanza é aproveitar a gran despensa natural que o territorio nos ofrece. Explorar as variedades de mazás, bagos de uvas, cítricos, o mar... Percorrer no outono os bosques na procura dos fungos da comarca. O Barbanza cómese enteiro.

-O dixital vai comer definitivamente o espazo do papel?

-Na actualidade estanse a editar os máis fermosos libros en papel. O mundo dixital ceibou o libro físico como a fotografía ceibou a pintura da esixencia realista e permitiu a aventura do impresionismo. Máis que canibalización, vexo formatos nun equilibrio tenso, e desa tensión han xurdir propostas híbridas.

-O caso Snowden deixou en ridículo o caso Bourne. A realidade supera a ficción. Que opinión che merece o tratamento da información a nivel mundial?

-Os casos Snowden ou Wikileaks, revelan varias cousas. Calquera sistema dixital e calquera suxeito son vulnerables, susceptibles de ser controlados. Vivimos unha redefinición do público e do privado que nos ten desconcertados; o que será máis visible é a discordancia individual con respecto aos patróns colectivos de comportamento.

-Por que El Chapo le a prosa corrosiva de Saviano?

-Vivimos nun momento de interacción entre a ficción e a realidade. O ensaio deixou de ser académico para chegar a un público máis amplo. Aí está o éxito de Saviano co seu xornalismo literario ou de Hessel cos seus manifestos. Con tanta hiperinformación o libro será un remanso.

-Que significa Galicia 100?

-É un proxecto do Consello da Cultura Galega inspirado en proxectos similares británicos e irlandeses. Conta o relato de Galicia a partir de 100 obxectos da súa Historia, reivindica o patrimonio moble, pouco coñecido en Galicia. Unha exposición itinerará por varias cidades galegas.

-A piques de estrear novela, que agardas ti da literatura? Sabes por que se escribe?

-O fondo da escrita é irracional. É un acto de vontade inspirado por sentimentos. É unha maneira de ordenar o Universo, de outorgar sentido á memoria. Logo está o pracer de comunicar e de compartir: un nunca escribe para si mesmo.

-Por fin, que lingua queremos ser? O galego das trincheiras ou o cool subvencionado?

-Vivimos nunha contradición xeracional. Para os máis veteranos, o galego vive unha época dourada porque a comparan co descrédito no franquismo. Para nós, pola contra, está perdendo fol se nos comparamos cos anos 80. Estamos nunha liña vermella para a lingua: deixamos atrás un léxico rural pero non sabemos construír a lingua da Galicia do futuro. O futuro está na ilusión e na modernización do discurso do galego.

ILUSTRACIÓN ABRALDES

Votación
3 votos
Comentarios