O sempre longo adeus

MAXI OLARIAGA

BARBANZA

29 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Longo, si. Longo, escuro, abafante. Toda unha vida esas mans pretendendo apañar no ar das estacións os bicos que aboian no mar de asubíos do tren. Toda unha vida mesturando as bágoas propias co pranto das rodas esvarando nas vías. Canta o tren como canta o carro camiño da eira cargado de esterco para preñar o ventre dondo da terra. Desas mans, na vindeira primavera, han brotar flores de millo acariñadas pola dor dos adeus perdidos que no outono partiron. Viaxe a ningures. Mans agoniadas. Adeus meu amor. Mans que onte percorreron a pel do viaxeiro deixándoo cos seus afagos limpo de pecado, vestido co perfume da gloria para que así, virxinal, volva un día aínda agora impredicíbel. Esas mans que semellan ollos aterecidos polo primeiro canto xeado da mañá que entrou pola ventá alumando o amor derradeiro afogado entre as sabas. Ai, esas mans de almafí que non cansan de buscar voces, salaios e soños! Nos vagóns, o balbordo e as présas agochan as dores e o desarraigamento. Por un intre senten como se esfía o espírito e, coma unha bandeira vencida, racha enganchado nos eixos que arden sobre o ferro incandescente, deixando atrás a vida que merecían ter vivido.