Eiteiro

Rocío Dourado

BARBANZA

29 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A forma outeiro, frecuentísima en Galicia, é derivado propiamente romance, creado mediante a adición do sufixo -eiro ao adx. outo (< lat. ALTU), hoxe xa extinto no léxico. Pola súa vez, a forma Eiteiro é unha variante local de Outeiro (> Oiteiro > Eiteiro) que na toponimia parece que só se mantén como forma predominante no concello de Porto do Son (230 topónimos), na súa maior parte referidos a accidentes do terreo (191) que se destacan nas parroquias de Ribasieira, Baroña, Xuño, Nebra e Noal, principalmente, aínda que tamén dá nome a tres núcleos de poboación nas freguesías de Muro, Ribasieira e Goiáns (fronte aos 5 núcleos habitados rexistrados na parroquia de Noal, onde a forma se mantén como Outeiro).

No concello de Ribeira mantense esta variante local en moita menor medida (7 topónimos) fundamentalmente na parroquia de Oleiros (5) aínda que tamén se constata a forma intermedia Oiteiro (7 topónimos), concentrada nas freguesías de Olveira e Artes, ben como a inexistencia na zona de toponimia baseada na forma común Outeiro.