Busquen en Google

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

29 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días nos que volvemos descubrir que por riba da permanente capa de nubes hai algo chamado sol (non é broma, faláronme dun neno que lle preguntou o outro día á nai «que era iso que brillaba alí arriba») é un bo momento para preguntarnos sobre como nos ven en Internet os turistas que van comezar a chegar, principal fonte de información á hora de decidir unha viaxe.

Aínda que hoxe en día dispoñemos de tecnoloxías de análise de medios sociais que nos ofrecen datos precisos, propóñolles un simple exercicio que vostedes poden facer comigo. Vaian a Google Imaxes, abran dúas xanelas e tecleen nunha «Barbanza» e noutra «Arousa Norte». Boten un ollo e van ficar sorprendidos. 

Na xanela «Barbanza» predomina o granito: hai castros, dólmenes, paisaxes da serra, os monumentos máis famosos da comarca, ríos, bañistas, roteiros de sendeirismo... Agora miren a outra, a «Arousa Norte». Que é o que atopan? Logotipos, alcaldes, alcaldes reunidos, alcaldes inaugurando, concelleiros, alcaldes falando ao redor dunha mesa, alcaldes con Feijóo? Ou sexa, unha desfeita como marca turística. 

Non discuto o excelente traballo promocional levado a cabo polos técnicos dese programa. O que argumento, con datos, é a existencia dunha marca usada pola xente que non recibe diñeiro público, «Barbanza», e outra, «Arousa Norte», na que se teñen gastado centos de miles de euros, que non dá callado. Que facer? Pídanse outro viño no bar á miña saúde e discutan, que o tema dá para moito.