Os versos de Manuel María resoaron para incentivar a lectura

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

<span lang= gl >A comunidade educativa da escola de Outeiro elaborou un mural inspirado en «Frederik»</span>.
A comunidade educativa da escola de Outeiro elaborou un mural inspirado en «Frederik». cedida

O club Tapal ofreceu na Pobra un recital dramatizado reivindicando o emprego do galego

12 may 2016 . Actualizado a las 18:19 h.

Aínda queda moito camiño por percorrer para que Galicia en xeral e Barbanza en particular conmemoren o Día Internacional do Libro como se merece, con actividades que contribúan a incentivar a lectura. Pero, pouco a pouco, vanse dando pasos. Nesta ocasión, houbo actividades en boa parte dos municipios da comarca. Media ducia deles decantáronse por secundar a proposta lanzada desde a Fundación Manuel María e avalada despois pola Fegamp, consistente en botar man de textos do homenaxeado nesta edición das Letras Galegas para festexar o 23 de abril.

Foi o que ocorreu na biblioteca do centro social de Boiro, lugar elixido pola asociación Barbantia para achegar o seu grao de area á conmemoración do Día do Libro contando coa colaboración do Concello. O presidente da entidade, Xesús Laíño, foi o encargado de abrir a quenda de lecturas. Seguiulle o rexedor local, Juan José Dieste, e logo foron poñéndolle voz aos versos do autor de Terra Chá Xoán Pastor Rodríguez, Antón Riveiro Coello, Manuel Cartea, María José Couce, Che Tembra e os concelleiros nacionalistas Raquel Suárez e Carlos Ansoar. Desde as mesas, varios mozos estudantes seguiron a actividade con atención.

Tamén na Pobra, media ducia de veciños, entre os que se atopaba a concelleira de Cultura, Genoveva Hermo, se animaron a ler poemas do autor distinguido este ano co Día das Letras Galegas. Pero foron os membros do club Tapal de Noia os que abriron o acto que se celebrou no teatro Elma. Fixérono cun recital poético dramatizado, para o que elixiron reivindicativos versos do escritor, aqueles que falan da necesidade de poñerlle fin aos anos de escuridade do idioma galego. A agrupación que dirixe Ana Blanco repetirá espectáculo o sábado en Noia. Estará no coliseo Noela, a partir das 21.00 horas.

Con nenos e teatro

Unha estampa similar ás anteriores repetiuse na biblioteca de Ribeira, onde a técnica de normalización lingüística Alicia Padín foi a encargada de romper o xeo e incluso animou a algúns nenos presentes na sala a sumarse á lectura pública, e na casa de cultura de Lousame, onde os actores do grupo de teatro local Tastarabás abriron o acto cunha pequena representación.

Tamén na escola de Outeiro, en Rianxo, quixeron conmemorar o Día do Libro. Exalumnos, nenos que agora ocupan os pupitres do centro e pais reuníronse na mañá de onte no patio para facer un gran mural alusivo a un conto, Frederik, cuxo protagonista é un ratiño poeta. A acción tiña un dobre obxectivo. Por unha banda, animar aos cativos a mergullarse no entretido mundo da lectura e, por outra, reivindicar a importancia de pequenas escolas coma esta, servizos que nestes intres se atopan en perigo de extinción.