Resgardarse ante o imprevisto

Jacobo Feijoo

BARBANZA

17 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitas veces esquecemos a directa dependencia do agro e o clima. O tempo na agricultura é nada menos que un dos principais factores de produción. Todo pode depender dunha xeada tardía que arruína uns primeiros brotes dunha vide, unha granizada de primavera que esnaquiza as flores dos froiteiros, unha seca inoportuna que acaba cunha colleita de millo, unha inundación, un tempo húmido que dispara o mildiu da vide, ou un verán cálido e seco que se converte nunha vaga catastrófica de incendios forestais, como no ano 2006.

A produción agraria está sometida sempre a uns riscos meteorolóxicos que escapan totalmente da capacidade de control e da previsión dos profesionais do campo. Para poder manexarse con estes riscos e evitar situacións límites que poidan supoñer a ruína de explotacións e familias, naceron os seguros agrarios. En España o Seguro Agrario, a través de Enesa e Agroseguro, presenta un dos maiores desenvolvementos a nivel mundial, só por detrás de EE.?UU. e Canadá, sendo unha referencia para a posta en marcha noutros países da UE.

¿Que falta para a xeneralización do seu uso en Galicia? Primeiro de nada, divulgación. Os produtores deben de poder coñecer as liñas existentes en Agroseguro e o Plan de Seguros Agrarios. En segundo lugar, apoio dende as Administracións, pois o sistema español inclúe liñas de subvención para o pago das primas dos agricultores, de xeito que lles resulten económicas e atractivas de contratar. Existen axudas do Ministerio de Agricultura, e das comunidades autónomas, tendo a Xunta un importante papel que xogar nos distintos sectores agrarios sometidos a maiores riscos no noso agro. Por último, tamén é certo que Agroseguro ten que adaptar moitas das súas liñas as especificidades do agro galego, e a atomización das súas explotacións, se ben pódense buscar pólizas colectivas que agrupen agricultores, asociacións ou cooperativas.

E postos a botar unha ollada ao futuro do rural galego, ¿para cando tamén o desenvolvemento dun seguro que permita cubrir o risco dos incendios forestais, de xeito que sirva de incentivo para o investimento de capital privado nos nosos montes?