A violinista que fixo das partituras un pasaporte

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

A aguiñense é docente en Barcelona, tras labrarse un currículo de vertixe a base de esforzo e constancia

18 abr 2016 . Actualizado a las 14:03 h.

Cando o docente de inglés da escola de Aguiño, Camilo Rumbao, acababa de crear a histórica rondalla desta parroquia, cun número de quince nenos de cuarto e quinto de EXB, unha rapaza do último curso acercóuselle para solicitar unha excepción que lle permitise entrar nesta formación. Tras unha audición, asignoulle inmediatamente a mandolina. Era o ano 1985.

Este grupo foi medrando ata roldar os 80 integrantes. Chegou ao punto de que os ensaios non eran suficientes no recreo. Sen existencia dun centro musical na vila, non aprendían solfexo ao uso, senón que lían as notas escritas en letra. Aquela estudante tamén quería máis, un día, Rumbao púxolle un violín de cor escura sobre as mans á vez que acendía un antigo radiocasete do que comezou a brotar o son dun cuarteto de corda.

Décadas máis tarde daquela escena, Raquel Castro Pego (Aguiño, 1972) converteuse nunha reputada violinista que compaxina diversos concertos ao longo do mundo coa súa actividade como profesora na Escola Superior de Música de Cataluña (Esmuc), mentres imparte masterclass en distintos centros do país e verte o seu talento en proxectos rexistrados no estudio de gravación.

«Camilo é máis ca un profesor, foi para todos nós un mestre da vida». Con estas palabras, Raquel Castro inicia o seu relato remarcando que todo o que é hoxe llo debe a el, mais ao párroco Francisco Lorenzo Mariño, lembrando que as teclas do órgano da igrexa sempre estiveron ao servizo da rondalla de Aguiño.

En honor a Rumbao marchou a Santiago de Compostela, onde estudou Filoloxía Inglesa na universidade. Por aquel entón matricúlase no conservatorio e ao segundo ano entra na Orquestra Xove de Galicia. Polas mañás ensaiaba con eles, as tardes asistía á facultade e as noites eran para o instrumento. Ao ano, viviu unha xira por Sudamérica (Bos Aires, Caracas, Santiago de Chile...) e entendeu como algo inevitable que quería: «Facer isto toda a miña vida».

Nese período buscouse un profesor particular, Lev Chistiakov, provinte de Moscú, pero que residía en Asturias. Cada fin de semana recorría nove horas en autobús ata Avilés. No cuarto ano de carreira o grupo desfíxose e chamárona da Orquestra do Principado de Asturias. Raquel Castro aforrou cada ingreso dos concertos para marchar estudar a Londres, á Guildhall School of Music and Drama.

A recompensa

O esforzo obtivo recompensa e superou a audición, nun contexto no que traballaba nunha biblioteca para costearse os estudos, xa que nin podía coller o metro e a dieta axustábase a pasta con tomate. No segundo ano ao carón do Támesis acadou as becas de Barrié de la Maza e Caixa Galicia. Grazas ás valiosas ensinanzas do profesional Detlef Hahn animouse a presentarse á Xoven Orquestra do Mediterráneo, con base en Francia, coa que percorreu países como Líbano ou Israel.

En 1997 empeza a dar os concertos iniciais de violín e piano en Inglaterra e Galicia. «O maior regalo que recibín foi que a rondalla alugara un bus para acudir a verme nun concerto na Coruña», lembrou a música. No penúltimo verán no centro inglés marchou a Salzburgo facer un curso de verán co mestre Mauricio Fuks, para ela «o mellor pedagogo de corda do mundo», cunha lista de espera habitual de tres anos.

A revelación foi inmediata e non dubidou en marchar a Estados Unidos a Bloomington, en Indiana. Ante os elevados prezos, dunha das universidades musicais máis prestixiosas do mundo, asistía como oínte ás sesións. Fixo as probas e Fuks ofreceulle ser asistente, xa que vira nela aptitudes como docente. Pasou cinco anos alí, obtendo o Peformance Diploma e despois un máster, a partir da beca Fulbright.

Raquel Castro estreábase como solista coa sinfonía concertante de Mozart, que compartiu co compositor e violista Yuval Gotlibovich, naquel momento estudante en Bloomington e agora o seu marido. Curiosamente volverán a interpretala xuntos en outubro. A piques de rematar a formación, só facía un ano que abrira a Esmuc, e ofertaba unha praza de profesor de violín.

O mesmo día que remataba o prazo pasou a noite en vela preparando a proba. En setembro do 2004 xa estaba dando clases. Pasaron catro anos invertendo o gañado en verse, ata que o seu compañeiro deixou a praza en Indiana para acabar entrando no mesmo centro barcelonés. Pode que o destino si exista nas partituras.

Na rede: varias pezas e actuacións de Castro están dispoñibles na súa canle de Youtube, introducindo: Raquel Castro violín.

Os proxectos actuais: ademais dos constantes concertos que dá durante o ano, así como as clases maxistrais, a parella tocará no trixésimo aniversario da Orquestra de Cámara Catalana. Ademais, acaban de gravar unha obra de Pedro Alcalde e Sergio Caballero para a Ópera de Berlín. Gotlibovich compuxo a música para o documental de Gerardo Gormesano Pantalla rasgada, con estreo para o 8 de maio, que interpretarán en directo.