As veas polas que ferve tinta fresca

Antón Parada

BARBANZA

MARCOS CREO

Acadaron o premio do xurado e a mención no certame de microrrelatos de La Voz de Galicia

16 abr 2016 . Actualizado a las 13:14 h.

Como se dun espertador se tratase, o ruído do timbre devolve o movemento entre os corredores do IES Porto do Son. Podería asemellar un centro educativo máis, pero ao traspasar a entrada, a primeira pegada dada parece a dun cosmonauta sobre un planeta descoñecido e exótico. 

As atractivas cores dunha Rita Hayworth no interior do cartel cinematográfico de Gilda, realizada por alumnos de artes plásticas, incitan a pensar que non se trata do clásico instituto no que impera o ensino ortodoxo de encerado, pupitre e silencio. 

Quizais ese sexa o motivo de que tanto o premio do xurado, como unha das mencións do pasado concurso de microrrelatos -do Programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia a través da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre- recaesen en dúas alumnas de bacharelato, de entre 180 participantes de todo Galicia.

María Santiago Mareque e Rebeca Corrales Martínez (Porto do Son, 1999) empuñaron as plumas das que xurdiron cada unha das palabras coas que conquistaron un concurso, no que debían basearse en noticias publicadas para construír o seu propio relato. Santiago derreteu ao xurado e Corrales recibiu a mención por unha historia que nada tiña que envexar aos gañadores.

Entre prefacios

De non ser pola súa aparencia xovial, pensaría que a conversa mantida foi con dúas estudantes da facultade de Filoloxía. Mais a realidade é que estas mozas -que presentaron os seus traballos escasas horas antes de que pechase a recepción de textos- representan esa ansiada esperanza que se procura no horizonte da xuventude, como quen busca os derradeiros raios de sol no ocaso.

Cando María Santiago non sabía o que querían dicir aquelas letras, as ilustracións dos libros xa lle acendían a curiosidade. Con apenas 6 anos caía nas súas mans unha versión adaptada do Quixote. Contra todo prognóstico, non pertence ás filas de humanidades, dende a rama científica desexa no seu interior acabar converténdose en psicóloga.

Esa faceta de empatía está presente en Trosqui, o Hachiko galego, a narración coa que gañou o premio e que mergulla ao lector na mirada dun can camiño de ser abandonado. O título fai unha clara alusión á mítica historia da mascota xaponesa, que esperou pacientemente o regreso do seu propietario falecido durante nove anos nunha estación.

«Animais nos osos, canceiras cheas de cans... o abandono animal está presente cada día», afirmou Santiago, que xa se calzara dous loureiros literarios sobre a cabeza en certames do Concello. Esta estudante cultiva tamén os versos, que garda na intimidade e que están dirixidos ao que ela describe como «poesía de paisaxes». 

Rebeca Corrales bebe do tinteiro da crítica social. La nueva cenicienta -o seu microrrelato- denuncia o drama da violencia sexista vestindo a pel dunha muller, que a través dunha linguaxe directa e rítmica, ve o seu conto de fadas romperse en mil anacos, a cada verba asestada como os golpes do maltratador.

«Na miña casa sempre tiven o concepto de que meu pai tamén era miña nai, por iso non me vale o feito de "ti varres e eu tomo unha cervexa no sofá"», explicou esta alumna de letras que leva unha axenda, na que os primeiros capítulos dunha novela comezan a tomar forma. Polo de agora están ocultos nun caixón, xa que Corrales considera que a creación de cada unha das liñas vertidas sobre o folio supón inevitablemente «espir a alma».

«Para min escribir é contar o que sinto e penso no mesmo instante no que o fago: si estou triste e escribo despois podo estar mellor, si estou contenta e escribo despois podo estar triste, é como xogar cos sentimentos», confesou María Santiago. Outro feito que axuda a comprender que o binomio de premios non se trata dunha bela casualidade é a existencia dun club de lectura extra escolar neste instituto, ao que Santiago leva un ano acudindo.

Baixo as ensinanzas e apoio incondicional da profesora Begoña Louzao realizan actividades pioneiras, como unha batalla de rap enfrontando poemas de Góngora e de Quevedo. «A escritura é compartir o que ti cres, a túa visión do mundo, entregar unha parte de ti...», sentenciou Corrales, mirando cómplice cara a súa amiga, con ese tipo de ollada que anticipa o comezo dunha saga.

O blogue da biblioteca:

Dende o centro organizan un club de lectura no que cada mes se elixe un libro que será comentado. Ademais, contan cunha páxina web na que anuncian as distintas actividades, mesmo se poden consultar os microrrelatos das gañadoras a través desta ligazón: http://etikeles.blogaliza.org/