A solución está na propia casa

Jacobo Feijoo ENXEÑEIRO AGRÓNOMO

BARBANZA

06 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Imaxínanse vostedes que en plena crise económica, e de emprego, alguén en Galicia acertase coa fórmula de crear 5.000 postos de traballo e un incremento anual do PIB galego de 270 millóns de euros investindo só dous millóns de euros ao ano. Pois esa fórmula existe, pero non a estamos poñendo en marcha.

Un investimento duns dous millóns de euros ao ano permitiría emprender unha eficaz loita biolóxica contra o Gonipterus do eucalipto. Un insecto que está a inhibir cada ano o crecemento de entre 800.000 e 1.200.000 toneladas de madeira. Con un millón de toneladas (algo así como 40.000 camións de madeira) sería posible poñer en marcha unha nova fábrica de pasta de papel. Esta fábrica podería facturar uns 250 millóns de euros en pasta, 27 millóns en bioenerxía, 30 millóns de euros percibirían os propietarios forestais, xerando rendas no rural, e outros 14 millóns adicionais facturarían as empresas de servizos forestais e cortas de madeira. Todo elo, fíxense ben, sen sequera plantar unha sola hectárea máis de eucalipto en Galicia, só eliminando o efecto da praga nas superficies que xa temos plantadas. Porque hai anos que un verme, que despois se transforma en escaravello, está a impedir o medre dun millón de toneladas de madeira de eucalipto, e a impedir desa forma un volume de negocio para Galicia próximo aos 270 millóns, e 5000 empregos entre directos e indirectos. E se falamos de efectos ambientais, nun millón de toneladas poderiamos almacenar as emisións de CO2 que emiten os coches galegos nun ano.

¿Podémonos permitir o luxo de que un insecto faga tanto dano aos nosos montes e economía sen intentar facer algunha cousa razoable? Fai falta que as autoridades apoien con máis firmeza á loita contra esta praga forestal, con métodos sostibles, como se fai noutros países con éxito. Contrólese esta praga e non fará falla explicarlle aos propietarios das zonas costeiras que non deben de plantar eucaliptos nitens, en vez do eucaliptos glóbulos. Mellorará a nosa cadea forestal, a saúde da economía, do emprego e os propietarios forestais non se verán abocados a unha decisión incerta á hora de decidirse por unha especie. ¿Alguén ten en plena crise unha opción para investir dous millóns de cartos públicos cun maior efecto multiplicador? Aí queda a pregunta.