Privilexios

 Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

20 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non llo tomedes a mal, pero anda por aí o amigo Xulio arrastrando de novo o seu descontento social con tanto foro e aforado, avogados defensores e fiscais de amparo.

Cando todos celebramos no noso parladoiro dos xoves que os ingleses promulgasen aquela famosa Carta Magna hai oitocentos anos, na que Xoán sen Terra, tan maltratado polo cine, asinou o famoso artigo trinta e nove que vén a dicir algo así como que: Ningún home libre será detido, privado dos seus bens, considerado fóra da lei, exiliado ou dalgún xeito vitimizado ou atacado, a non ser por medio dun xuízo legal levado a cabo polos seus pares, Xulio só lle encontra defectos de forma, de equidade e ata de léxico. Un fermoso artigo, abofé, pero que en palabras deste amigo noso, vén demostrar que non hai lei sen trampa nin trampa sen lei. Por exemplo, ¿quen xulgaba daquela ó monarca sendo como era o máis nobre dos nobres?. E que o fixese outro rei sería catastrófico.

Sen dúbida, para aquel tempo iso debeu ser moi bo e todo un adianto cara á igualdade e á fraternidade, pero case seguro que hoxe en día ningún lexislador ousaría asinalo. Asegura o amigo Xulio que os lexisladores actuais poden atreverse e atrévense a facerlle perder a pensión a un periodista retirado que escribiu un libro, poden condenar ós obreiros, sindicados ou non, a ser despedidos sen previo aviso, poden coller a uns titiriteiros e acusalos de terroristas por ser críticos e ousados, poden limitarnos o acceso á educación e á sanidade por ser esta moi cara, os vellos moi lonxevos e os rapaces moi revoltosos; poden facer moitas cousas raras, incribles e impensables hai uns anos atrás, pero iso de dicir que para xulgar a alguén terá que facelo outro da súa ralea, caste e condición, non creo que o asinase ninguén. E non crer tal non significa que non o fagan.

Agora a pregunta é, se non estaba este famoso artigo protexendo a unha parte da poboación (ó rei sobre todo) contra as posibles revoltas dos menos favorecidos, incluso daquel Robin Hood, perseguido polos esbirros reais e protexido polos coitados aldeáns.

Tan orgullosos están os ingleses da tal carta, publicada no 1215, que esta percorreu no último trimestre do pasado ano varias cidades desde Nova York a Pequín e desde Xangai a Lisboa, antes de volver ó seu lugar de custodia, coma quen leva polo mundo adiante un cartaz de propaganda, presumindo de que os que a promulgaron eran uns adiantados demócratas. E agora vén a segunda mal intencionada pregunta do amigo Xulio: ¿por que a pasearon tanto?. Porque aínda que nesas cidades polas que andou uns presuman de demócratas e outros non, a verdade é que ese famoso artigo trinta e nove que tanto aprecian os entendidos vén dicir e defender, segundo o meu amigo de parladoiro, todo o que criticamos os que non vemos ben que haxa un tribunal especial para unha parte da sociedade e outro máis normal e barateiro para o resto dos mortais, demostrando que ata para a xustiza hai delincuentes privilexiados e privilexios para delinquir.