«Non facemos isto por ser estrelas cun escenario chulo, queremos traballar»

Antón Parada

BARBANZA

A orquestra Platinum ensaia nun modesto local localizado no barrio ribeirense de Fondevila.
A orquestra Platinum ensaia nun modesto local localizado no barrio ribeirense de Fondevila. marcos creo< / span>

Esta agrupación galega naceu a raíz da dura situación que afrontan as verbenas

16 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Imos pagar xustos por pecadores e despois os últimos en cobrar seremos os músicos». Jairo Brea leva máis de tres lustros detrás das teclas, varios deles, sobre o escenario dunha coñecida orquestra de magnitudes considerables. Xa facía anos que se temía a explosión, pero a tendencia de hai dous veráns reafirmou as súas inquedanzas. Alguén fixera un bo negocio coas actuacións, pero cunha boa parte cuberta baixo o fume da máquina e as luces de cores.

Abdón Santos e Martín Silva tamén foron sempre dous habituais do panorama musical. Percorreron xuntos varios grupos, dende verbenas a bandas de rock. Tras ver que as citas comezaban a escasear, por mor da erosión da crise económica mailo golpe de graza simbolizado na polémica destes espectáculos con Facenda, decidiron dar un dos pasos máis difíciles que pode dar un músico. Crear a súa propia orquestra.

Un equipo de prata

Para elo reuniron unha serie de selectos nomes nunha lista na que todos tiñan algo en común. O compañeirismo incondicional construído sobre os piares dos baffles. «Non facemos isto por ser estrelas cun escenario chulo, queremos traballar» expresou Abdón Santos, o representante da orquestra Platinum que leva ensaiando o salto aos escenarios dende finais do ano pasado.

«Cando lles solicitei que me axudaran a levar este proxecto a diante nin sequera me preguntaron polos cartos», explicou o guitarrista Martín Silva. O outro capitán deste navío prateado é consciente das dificultades que afrontarán ante a existencia dos grandes buques, pero tamén sabe que xogan con certa vantaxe: «O que queremos transmitir enriba do escenario é a amizade».

Por esta razón se uniron sen pensalo profesionais da talla de Jairo Brao, o baixista Antón García ou de Ricardo Castaño, un batería que entregou toda a súa vida ás baquetas. Despois desa traxectoria, o percusionista só se marca unha bela meta: «O noso único reto é facelo ben para que a xente baile». E por este mesmo motivo, a agrupación estase deixando a pel para confeccionar a súa versión da fórmula da felicidade, ou noutras palabras, unha lista de temas que gusten a todo o mundo.

«Cumbias, merengues, en esencia música de festa», confirmou Silva. Sen as grandes superficialidades charramangueiras que caracterizan aos xigantes desta industria, prepáranse para conquistar os corazóns máis lúdicos ocultos entre o público. Sen embargo, é imposible desengancharse tan rápido doutros xéneros, polo que si a audiencia espera atoparse un concerto dunha verbena máis entre centos, está sumamente equivocada. Unha versión metaleira do Still love in you de The Scorpions ou o Du Hast de Rammstein forman parte do crecendo que preparan para as tracas finais.

«Made in Ribeira»

O feito de que todos os intérpretes tocasen antes xuntos xerou unha estraña casualidade. Un dos trazos que os caracteriza é que todos sexan galegos e a meirande parte ribeirenses, ou como o definiu Brao: «ao fin e ao cabo, todo queda na casa». Con esa mesma esencia inverten as horas nun humilde soto dun fogar, que lembra a eses grupos adolescentes coa ilusión nos beizos dos primeiros acordes conxuntos. Só que o exército de profesionais da Platinum mételle máis de dous días de ensaio á semana. Iso si, coa mesma garantía: ilusión, baile e unha chispa de rock.

O grupo das curiosidades: Como afirmaba hai uns días Abdón Santos, o grupo fichou pola axencia Diamond. Este binomio supón a aliaxe metafórica representada polo metal e a pedra preciosa que nomea a ambos, respectivamente.