Unha ameaza

Jacobo Feijoo

BARBANZA

12 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A xestión da Rede Natura de Galicia e dos nosos espazos protexidos ten unha materia pendente que non se acaba de abordar: A integración das necesidades dos habitantes do rural coa xestión do día a día que precisan os espazos a protexer. No caso do parque de Corrubedo, establecido maioritariamente sobre propiedades privadas e comunais, os veciños quéixanse dende hai tempo dunha seria desatención, especialmente co tema do xabaril. Estes animais, inexistentes hai apenas 15 anos no entorno do parque, son hoxe unha praga pola superpoboación e falta de xestión axeitada polos responsables de Medio Ambiente. Están a plantexar un serio problema para o aproveitamento das fincas, que se abandonan ante a imposibilidade de obter calquera colleita distinta á do cabreo e frustración de ver o traballo estragado e os cartos tirados.

Os xabarís, polo seu carácter omnívoro e predador, son tamén un obstáculo para a conservación de moitas especies de fauna, ameazadas e en perigo de extinción, que son a razón de ser do parque. E por último, son un perigo para os veciños, pola ameaza que supoñen para a seguridade viaria. Si ameazan á máis elemental seguridade, impiden o aproveitamento das fincas sen que ninguén compense os danos, e causan un problema medioambiental e ameazan a biodiversidade. ¿A que se espera para actuar?