Chaparrón galeguista fronte a Castelao

BARBANZA

02 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A unión, din, fai a forza e de unións estase a falar moito, quizais demasiado, ultimamente. O pasado fin de semana foi unha palabra moi utilizada polos diferentes representantes políticos que pasaron pola comarca. Varios deles visitárona o sábado, con motivo da conmemoración en Rianxo do 130 aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O acto estaba convocado polo Partido Galeguista, polo que é lóxico pensar que alí estarían os que teñen o galeguismo e o nacionalismo por bandeira. Así foi, aínda que polo medio foi posible ver a algún representante do Partido Popular que se move polas altas esferas do grupo a nivel autonómico.

Durante a ruta que se fixo polo casco histórico da vila todo era bo ambiente, abrazos e bicos, todos parecían estar alí unidos por unha mesma causa, honrar a memoria dun dos escritores máis ilustres do noso país. A pesar de que tradicionalmente primeiro faise a ofrenda floral no busto de Castelao e despois interveñen os invitados, nesta ocasión a organización tivo a brillante idea de cambiar a orde. Primeiro falouse e logo depositáronse as flores. Isto implicou que houbo que agardar a que todos fixeran os seus discursos para que comezara a homenaxe. Interveu o presidente do Partido Galeguista, invitando a todas as forzas políticas a participar nunha xuntanza onde expresar libremente a súa visión de Galicia co obxectivo de lograr a representación e o peso político que se merece.

BNG, Anova, Compromiso por Galicia, Coalición Galega ou Nós Galeguistas foron algunhas das agrupacións que tiveron voz. Non sei se Castelao, dende a visión privilexiada que tiña do acto que se estaba a celebrar no paseo da Ribeira estaría de acordo co que alí sucedeu. Primeiro porque se usou o seu nome para facer política segundo interesara máis que para recoñecer os seus méritos. Na súa propia homenaxe, o pai da cultura galega, como dixo algún dos presentes, tivo que aguantar un chaparrón que non foi precisamente de auga. Cada político falou da disposición do seu partido para traballar en favor do país. Nalgúns casos, mentres uns falaban outros negaban ca cabeza e, polo medio, o membro do PP facía que escoitaba e batía timidamente as mans ao final de cada intervención. 

Unir a galeguistas e nacionalistas para reivindicar o peso e a importancia de Galicia, que bonito soa. Nada é imposible, pero vendo como as veces uns negaban coa cabeza mentres outros falaban é difícil confiar en que a idea funcionara. Os egos sóense impoñer ao ben común, sobre todo cando o que está en xogo é o poder. Xuntos, revoltos ou por separado hai que poñer en valor Galicia e o galego, e non usar a Castelao segundo conveña.