Un novo tempo

María Xesús Blanco

BARBANZA

29 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xaneiro agardaba por nós con frío e moita auga nas fervenzas e nas estradas despois dun outono atípico e esvaradío. E a normalidade impoñíase outra vez nas nosas vidas despois da algarabía de ruídos e luces desordenadas. As noites longas invitan agora ao recollemento. Á reflexión sobre o que foi e o que está por vir. Asemade, nas rúas, nos lugares de traballo, nos bares, na radio, na prensa, en todas as partes: os últimos acontecementos políticos.

 Oxalá este momento sexa o comezo dun tempo diferente, din algúns. Non sabemos se iremos a mellor ou a ningures, opinan outros. Pero a maioría sente, neste mes un do calendario, o bulicio incerto do cambio, da renovación. O inicio dun novo tempo que semella será complexo. Porén, custa visualizar actitudes e formas diferentes. Reflexionen, senón, acerca do barullo sobre a vestimenta e o peiteado dalgúns deputados o día que se constituíu o parlamento en Madrid. Ou cando a deputada Carolina Bescansa sentou no Congreso co seu bebé de seis meses.

É tan estraño que unha muller significada na política quixese chamar a atención sobre a xenerosidade das nais traballadoras para conciliar a vida laboral e familiar? Aínda que Carolina Bescansa sexa unha muller con posibles, e poida ter ao seu dispor unha coidadora. Aínda que no seu lugar de traballo haxa unha gardaría. E aínda que algúns aproveitasen para saír na foto. O conto é que a crianza e a educación dos nosos nenos e nenas é cousa de todos. E a conciliación laboral e familiar tamén. E que a solución aos problemas e ás preocupacións dos cidadáns, que son moitos, non está no xeito de vestir nin de peitearse dos deputados e deputadas.

En fin, agardemos que os nosos representantes políticos pensen e dialoguen con sensatez, e sexan todos eles e todas elas merecedores dos votos que lles confiamos. E vostedes, benqueridos lectores e lectoras, abríguense ben, que seica se albisca outro temporal dende o faro de Corrubedo.