«A figuración, agás casos persoais moi respectables, véxoa esgotada»

Eme Cartea

BARBANZA

Sinala que no seu estilo busca «un percorrido que me diferencie»

29 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro que podemos dicir de Gonzalo Sarasquete é que decide nacer en Ribeira nun intre do século XX ateigado de tensións e cambios, tamén no ámbito da arte. E decide ser artista, afrontar a dificultade do exame de ingreso, o traslado do expediente, e de si mesmo, fóra de Galicia. «Decidir», eis a cuestión; pero, nun arrouto de sinceridade, confésame con humildade: «Non me vexo como artista; iso si, síntome máis ben como un escultor con certa tendencia a buscar un percorrido, orixinal e persoal, que me diferencie». 

Gonzalo volve á patria da infancia para cimentar a súa vocación: «Un ten que ter a curiosidade como algo innato e logo satisfacela con formación e transpiración; isto é, ten que facerse». E, contra o que é usual, os seus estudos universitarios en Salamanca tráenlle excelentes recordos, como os dos enormes profesores Zobel, Gordillo, Bordes, S. Solano, Cuerda... cos que se formou coa lección maxistral e co cicel. Daquel tempo, só cambiaría o sistema de bolsas, escasas e non sempre acertadas.

Por que a abstracción? ?pregunto sen miramentos?. E Gonzalo, parco usualmente en falas, responde case intuitivamente: «Abstracción porque a figuración, agás casos persoais moi respectables, véxoa abondo esgotada». Pero insisto no seu estilo, buscando o matiz. Si, ten as cousas moi claras: «Fálasme de arte minimal ?dime? pero eu penso, máis ben, nun ?reducionismo quente?. O minimal, norteamericano, é frío, sen carga, despoxado case de mensaxe, e baseado en relacións, asociacións... mentres que a tradición europea cargouno de referencias; de aí, o de ?quente? ou ?destilado?. Unha longa cita, tallada e precisa, que vale un estilo».

Tamén me intereso polos seus modelos individuais, as correntes artísticas, que sempre nos acosan, para ben e para mal. Non nega, Gonzalo, que o artista non nace ex nihilo, que nada pode crearse da nada, pero é categórico ao admitir que a obra herdada só actúa de «catalizador», de «porta a novos espazos dos que te apropias», pero iso si, con distanciamento crítico e ?recalca?, con «orixinalidade».

El é o mar

Gonzalo é o mar. É coma o mar, calmo e tempestuoso, reflexivo e vehemente. Comprometido coa historia e co medio. Cambiante en técnicas e enfoques. Pero fiel ao esencial. E o mar, por ser el quen é, debe ser respectado, preservado. Porque non é noso: é dos nosos fillos. Por iso me fala da irresponsabilidade e avaricia humana, de «compromiso ecolóxico», de «quecemento global e desxeo polar». Algo que nos ofrece nas series Caixas de peixe, O último patagullo, ou O efecto Grenlandia. 

Con todo, na última exposición no Museo do Pobo Galego ?da que xa comentamos neste suplemento cultural? non arrenega de nada cando o seu modelo é o barroco compostelán de placas porque «o barroco e, sobre todo, o rural, sempre estivo no meu consciente creativo; retomar o barroco de placas é algo natural, por evolución e por respecto á xeometría das cousas».

Neste intre de posmodernismos sincréticos, no que o pasado e o presente se funden e se confunden, tento quitar de Gonzalo un prognóstico de artista sobre o futuro da arte e da cultura; saber se abrimos novos camiños ou todo está condenado a un relativo eclecticismo nas artes. «Sempre houbo eclecticismo na arte, en todas as épocas e, ao final dos ciclos, aínda máis». Así de claro. E precisa: «Nunca valeu todo, valen certos exemplos orixinais, persoais, que polo seu valor deben ser reconsiderados». Para Gonzalo, salvo casos polémicos e delirantes coma o de David Hirst, a arte segue a ser comprometida e seria. «E o tempo pon a cada un no seu lugar» ?sentencia. Engade que nunca gustou das certezas e confía na intuición. Destaca da actualidade a arte conceptual e o compromiso social, igual ca a boa pintura e a boa escultura. Máis alá da súa pureza estilística ou conceptual. Para el, a beleza, en todas as súas vertentes, se ten calidade, é intemporal.

Esperanzado e confiado

Por iso o vexo esperanzado e confiado cara ao presente e ao porvir. Como artista. E como alguén que sente a vida como conflito, non sempre en negativo, do que hai que aprender a adaptarse: «Os concursos públicos sonche novos para min, igual ca os encargos alimenticios». Talvez a crise está a afectar a sinceridade, e cadaquén oculta as súas miserias. Por iso pon o acento nas axudas, que deben sempre nacer dun criterio a fin de evitar inxustizas. E considera como primordial a concesión de créditos, con xuros baratos, como se fai noutros países, para a ampliación de estudos de posgrao; ou «un compromiso de compra de obra», con evidente «valor recoñecido», pois «xa temos fundacións privadas que o fan». 

Despedímonos con afabilidade. Con Gonzalo Sarasquete é doado sentir esa cordial efusión nacida da amizade diante dun café ou dunha cervexa, sempre ben fría, fronte á inmensidade atlántica. E Ribeira é un lugar privilexiado para intentalo.