Grixoa ou o influxo eclesiástico

ISABEL SANTOS

BARBANZA

29 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A influencia eclesiástica na historia dos nosos nomes, apelidos ou topónimos é patente dende a rendeira imposición no bautismo de nomes persoais católicos, até a proliferación de apelidos como Igrexas, Santos, De Deus, Dos Anxos, De Xesús, etc., tradicionalmente postos a meniños do orfanato ou de orixe descoñecida.

Pero a acción eclesiástica teceu unha trama que vai máis lonxe aínda: existen apelidos ligados a entidades económico-relixiosas como Mosteiro, Freiría, Abadía, Cabido, que se grafaban Do Mosteiro, Da Freiría, Da Abadía, Do Cabido, e outros que reflicten a proximidade a un lugar sagrado como Adro, Adrio, Atrio, Capela, Ermida (pero grafado Hermida), Igrexa e Igrexas (e as formas castelás correspondentes: Iglesia e Iglesias).

Grixoa, por fin, entre outros, é unha parroquia de Compostela e alude ao latín vulgar eclesiola, «igrexa pequena», termo que tamén daría os apelidos Lixó e Irixoa e o topónimo portugués Grijó.

Nesta busca das orixes dos nomes rematamos dicindo o mesmo que o noso personaxe máis universal: «Con la iglesia hemos topado, Sancho».