Defensa do Casal da Mercé

XOÁN GUITIÁN

BARBANZA

O edificio histórico é hoxe un patético esqueleto que produce tristura e vergoña

11 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Casal da Mercé é unha vella construción situada á beira da ría de Arousa, no concello da Pobra do Caramiñal. Trátase dun fermoso edificio de planta rectangular, con escudo labrado en pedra, fonte, pombal e capela. Pero compre saber que A Mercé ten, ademais do seu valor arquitectónico, unha historia cultural e literaria que impregna de xeito invisible aqueles muros hoxe abandonados.

Na súa viaxe do ano 1745, o pai Sarmiento anda a percorrer Galicia, e chega á península do Barbanza. Vén de Noia, por Argalo, Tállara, Cures e o río de Goiáns. Percorre logo lugares como Posmarcos, Corrubedo, Carreira, O Maño, e o río Pedras. Cando remata aquel día esgotador retírase a descansar á Mercé onde xa pasara a noite anterior. Reproducimos un parágrafo do seu diario seguindo a tradución de Carlos Castro:

«Pola noite volvín á Mercede a durmir. Pois eu na fiestra meridional da casa da Mercede vin fronte por fronte a punta de Santa Cruz, que o é dunha gran lingua de terra ou península, que chaman de Santa Baia (de Boiro)».

O pai Sarmiento asómase, pois, á fiestra. Alí, mesmo ao pé, pode ollar unha pequena praia de pedras e area basta, pouco máis alá os cons dourados que chaman As Rubias, e logo o espello da ría no que se reflicte o perfil da punta de Santa Cruz (Cabo de Cruz), aboiando nas augas coma un milagre.

Alugada por Valle-Inclán

Case dous séculos máis tarde, don Ramón del Valle-Inclán aluga a Mercé para convertela na súa vivenda familiar. Valle-Inclán soña con ter na Mercé un fogar «murado en piedra de Barbanza» no que facer realidade o seu anceio dunha vida rústica afastada dos trasfegos madrileños, coma nun retorno ás súas orixes arousás. Asómase don Ramón a aquela mesma fiestra un día de mañanciña e olla alí abaixo a mesma praia, as Rubias e Cabo de Cruz flutuando na ría mentres anda a darlle voltas nos miolos a unha das historias máis marabillosas que se teñan escrito, Cara de plata.

Lembro ter entrado hai moitos anos no Casal da Mercé. Os pisos e as cubertas aínda resistían, o que nos permitiu percorrer os baixos e o primeiro andar. Conservábanse alí vellos obxectos do tempo no que a casa acolleu os ilustres moradores de antano.

No cuarto de Sarmiento

Esparexidos polos cuartos, en completo abandono, permanecían os utensilios de cociña, os ferros do pasamáns da fermosa escaleira, e ata un antigo baño de cinc daqueles con patas. Entón, aínda neno, non o sabía pero hoxe sei que aquela tarde entrei no cuarto no que descansou Sarmiento e tamén na cociña e nos corredores que don Ramón habitou.

Hoxe o Casal está en ruínas e sei que non esaxero se digo que en ningún país civilizado podería producirse unha situación semellante. A fermosa propiedade que tivo relación co Arcebispado de Santiago e coa Universidade compostelá, a casa que foi importante priorado, a mesma que acolleu dous dos máis grandes fillos de Galicia, Sarmiento e Valle-Inclán, esmorece comesta polas hedras fronte á pasividade e o desleixo das autoridades culturais e políticas. Hoxe, A Mercé é un patético esqueleto de pedra que produce tristura e vergoña, unha pantasma que chama en silencio por unha necesaria e urxente acción restauradora.

O inmoble, situado fronte á ría de Arousa, precisa unha urxente restauración