A Dorna entra en proceso electoral tras aprobar a xestión da xunta directiva

BARBANZA

Eduardo Iglesias deu conta do traballo desenvolvido.
Eduardo Iglesias deu conta do traballo desenvolvido. MARCOS CREO< / span>

A real e Ilustre Cofradía da Dorna celebrou a súa asemblea xeral ordinaria na que os asistentes aprobaron por unanimidade, a excepción dunha abstención, tanto as contas como a memoria de actividades da xunta directiva. 

30 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende onte mesmo, a a Real e Ilustre Cofradía da Dorna está inmersa no proceso para designar aos seus novos dirixentes, unha vez que a xunta presidida por Eduardo Iglesias chegou ao remate do seu mandato. A convocatoria foi feita despois de que a asemblea xeral ordinaria aprobase case por unanimidade a xestión desenvolvida (42 votos a favor e 1 abstención).

Segundo explicou Iglesias, aqueles membros da entidade que queiran concorrer ás eleccións, teñen quince días de prazo para presentar a súa candidatura, que deberá estar integrada por un presidente, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e un mínimo de cinco vocais.

Xente interesada

O dende onte presidente en funcións manifestou a súa intención de non optar ao cargo, pois considera que hai xente interesada en coller os mandos da popular celebración e, ao xuízo de Iglesias, precísanse novas ideas. Sen embargo, fixo constar a súa disposición a seguir traballando pola Dorna, como ven facendo desde que tiña 21 anos en distintos papeis de responsabilidade.

Segundo parece, polo menos hai constancia de que algún membro da xunta actual está disposto a dar o paso, o que significa que, de non xurdir outras opcións de máis peso, o proceso pode rematar sendo un cambio de roles na xunta actual.

Eduardo Iglesias informou de que cando decidiu volver a presidir a entidade que leva o peso da Festa da Dorna marcouse como obxectivo marchar deixándoa ben asentada para o sucesor.