Un argumento actual recreado en Compostela

INÉS OTERO

BARBANZA

27 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Janis séntese cativada por un home que atopa nunha cafetaría, pero que un día desaparece. Tamén sente a ausencia da súa nai, a orfandade materna. A súa vida monótona verase interrompida cando, durante a visita a un hospital, descobre un individuo con engados. El, un escritor, que tamén busca respostas ás preguntas que o atormentan.

Así é o argumento desta polifónica novela onde aparecen reflectidos varios temas: as escouras da nosa historia recente (un golpe que feriu varias xeracións), a problemática da lingua galega (hai algo tráxico ao redor do noso idioma que escapa á miña imaxinación), o amor por Compostela (os edificios son páxinas, apuntamentos da nosa memoria), a corrupción política (son criminais), o traballo no ensino medio (o xiz borra a miña inspiración), a crise económica (o rastro dos recortes) e os desafiuzamentos.

Talvez o máis salientable desta excelente obra sexa a habelencia de Antón Riveiro Coello para recrear unha historia onde semella que os personaxes que atravesan Compostela son tan reais coma calquera outro que divisamos nas rúas da cidade vella, convertido nun pertinente pano de fondo desta obra.

«Os elefantes de Sokúrov»

Antón Riveiro Coello

Editorial Galaxia (2015). 412 páxinas