Un grito contra a violencia de xénero

BARBANZA

A sociedade barbancesa dixo non ao maltrato a través da voz dos mozos

26 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Anxo, Manuel, Alba, Rubén e María foron algúns dos adolescentes barbanceses que onte leron manifestos, escritos do seu puño e letra, onde mostraban a súa repulsa contra a violencia sexista. A voz destes mozos e mozas converteuse no camiño que quixeron seguir en tódolos concellos do Barbanza. Mestres, pais, nais e políticos tiñan claro que neles, nas novas xeracións, nace a posibilidade de que o maltrato chegue a morrer algún día.

Os mozos destacaron a importancia de poñerlle freo a unha violencia que, a pesar de que dá mostras de decrecer lentamente, segue mostrando ante a sociedade episodios crueis e inesquecibles. Nos textos dos rapaces recordábase que o seu fin está moi lonxe e que hai moitas mulleres que están a vivir nun terrible pesadelo do que nunca se poden espertar. De aí que todos destacasen que erradicar a violencia é unha tarefa conxunta, ademais de que o fundamental é non darlle nunca as costas a este problema.

Como é normal que as palabras as leve o vento, os estudantes quixeron expresar o seu compromiso real no folio en branco. Entre todos confeccionaron pancartas que se exhibiron nas prazas de Ribeira, Porto do Son, Boiro, Lousame... A mensaxe, aínda que variaba segundo a pluma que lle daba forma, mantiña un nexo común: os maltratadores non teñen oco nesta sociedade.

Os alumnos do colexio lousamiano Cernadas de Castro foron uns dos que máis traballaron para dar mostra das súas reivindicacións. Elaboraron numerosos carteis con lemas como: «Faina chorar, pero de risa», «Comparte a túa vida, non a entregues» e «Engánchate ao bo trato». Agarrados a eles leron varios manifestos no patio do colexio, onde se uniron aos veciños do municipio. Dende alí partiu unha andaina que os levou polas rúas da localidade, co obxectivo de que se visualice a xente que pode mobilizar a loita contra o maltrato.

Veciños unidos

A praza do Concello de Ribeira converteuse nun dos epicentros da comarca onde se reclamou a erradicación da violencia de xénero. Ata alí acudiron alumnos de diferentes centros, que se fixeron irmáns ante a lacra do maltrato. Os máis novos leron textos de denuncia e entre todos gardaron un emocionante minuto de silencio. Tamén aconteceu algo similar nos colexios O Grupo e Galaxia, onde se gritou un rotundo «non a máis vítimas». Os primeiros aproveitaron a mañá para lanzar globos ao ceo en homenaxe a tódalas falecidas.

Os veciños de Boiro tamén se xuntaron ás portas do axuntamento. O rexedor local aproveitaría o momento para entregarlle aos alumnos do instituto de Espiñeira Alba Miranda e Rubén Muñiz os seus premios como gañadores do concurso de carteis do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.