«Cando se fundou a confraría aplaudino, foi marabilloso»

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Martínez presentou a súa candidatura para a presidir a irmandade boirense

03 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os membros da Irmandade do Cristo da Misericordia teñen a vindeira semana unha cita coas urnas, xa que terán que elixir ao seu novo presidente. Unha das persoas que opta a ese cargo é Jesús Martínez Sexto, e preséntase aos comicios rodeado por outras once persoas, formando unha candidatura forte con xente que leva na confraría boirense dende a súa fundación.

-¿Por que decidiu presentarse como candidato para presidir a irmandade?

-Fíxeno porque a confraría vai cada ano a menos e non quero que desapareza. Empezou moi forte, con moita xente. Chegamos a ser setecentos socios e douscentos déronse de baixa. O único xeito de que volva coller forza é que nós nos fagamos cargo, para que continúe sendo referencia no Barbanza como xa o foi.

-¿Que plans ten para o futuro se os confrades deciden confiar en vostede?

-O primeiro é falar cos membros, animalos a que queden para que sigamos camiñando cara adiante. Temos que estar coa xente, comunicarlle o que ocorra. Debemos procurar transmitir seriedade. Ás xuntanzas habitualmente acudiamos vinte ou trinta, pero despois pola rúa moita xente pregunta e quere que lle contes ou incluso que a chames por teléfono.

-¿Considera que ata o de agora faltou contacto coa xente entón?

-Podería ser que faltara comunicación nalgúns momentos. Aos membros hai que mantelos informados, que non lle cheguen as novidades por fóra.

-¿Como valora a xestión que se fixo ata o de agora?

-A xente que estivo era boa, pero producíronse algúns cambios que provocaron que moitos membros marcharan.

-¿Que supón para vostede a Semana Santa en Boiro?

-Eu nacín en Santiago, e dende pequeno gustoume acudir ás procesións. Cando cheguei a Boiro vin con pesar como non había xente disposta a impulsar os actos festivos da Semana Santa. Cando se fundou a confraría aplaudino, foi marabilloso. Por iso sería unha pena que desaparecera. Antes non sei o que pasaba na vila, pero agora hai moita alegría nas súas rúas cando chegan esas datas.

-¿Como é a xente que forma a súa candidatura?

-Son persoas que levan na confraría dende que se fundou e que creo que teñen ganas de traballar e de convencer á xente para que participe de novo. De feito, xa estamos a manter contacto cos socios e semella que volven a responder dunha forma positiva. Confluíron varios factores para que a confraría fose minguando, pero queremos arranxalo porque temos moitas cousas e sería unha pena que se perderan.

«Producíronse algúns cambios que provocaron que moitos membros marcharan»

«Xa estamos a manter contacto cos socios e semella que volven a responder»