«O paraíso existe, está en Barbanza»

BARBANZA

Non se cansa de difundir os encantos que ten a comarca que o deixou prendado hai 35 anos

03 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha comarca como a de Barbanza, chea de atractivos naturais pero que non acaba de despegar, o turismo trae de cabeza a un bo número de hostaleiros. É o caso de Manuel Domingo Rodríguez. Procedente de Santiago, desembarcou hai 35 anos na Pobra convencido da súa capacidade para converter Cabío na praia de Compostela. Hoxe o negocio que alí fundou, o cámping Ría de Arosa, é coñecido tanto dentro como fóra das fronteiras de Galicia. Aínda que é o seu lugar de traballo, a praia pobrense por excelencia constitúe tamén o recuncho preferido deste empresario: «Moitas veces déitome nas pedras e miro cara este remanso de paz, cara o seu paseo, e así consigo relaxarme».

Pouco podía imaxinar Manuel Rodríguez o futuro que lle esperaba cando petou ás portas da casa consistorial pobrense, rexentada daquela por Segundo Durán Casais, coa intención de elaborar unha guía turística para promocionar Barbanza en Santiago: «O alcalde comentounos a min e ao meu socio o enorme problema que existía no piñeiral de Cabío, onde había dúas mil persoas ou máis facendo acampada libre baixo a responsabilidade do Concello».

O empresario, botando man do carácter emprendedor que sempre o caracterizou, puxo en marcha unha acampada de emerxencia para regular aquela situación. Aquel foi o xermolo do actual cámping, un recinto que a día de hoxe constitúe moito máis que un negocio: «Son moitísimas as relacións que se establecen no cámping. Aquí os turistas entran como clientes e saen como amigos. Non é a primeira vez, nin vai ser a última, que os levo no meu coche a facer unha ruta para amosarlle os principais atractivos da comarca».

Manuel Domingo Rodríguez é, sen lugar a dúbidas, un excelente guía, pois as súas verbas desprenden a paixón que sente pola terra que un día o namorou: «De Barbanza destacaría un montón de cousas, empezando polo miradoiro da Curota, ao que seguimos sen saber valorar; seguindo polo patrimonio cultural, cos literatos como punta de lanza, e rematando por uns produtos do mar que non precisan elaboración». Á hora de vender a comarca, non dubida en facer seu o lema que un día ideou o seu colega rianxeiro Anxo Cristobo: «O paraíso existe, está en Barbanza».

Loita colectiva

Este pobrense de adopción non só leva máis de tres décadas loitando pola promoción da comarca desde o seu negocio, senón que ao longo deste tempo tamén se involucrou en diferentes asociacións, unha delas a patronal pobrense: «Por fortuna, o traballo no eido turístico é intenso no verán, pero despois dá un respiro para dedicarlle tempo a actividades coma o asociacionismo».

Hoxe segue a formar parte da maraña de entidades de Barbanza, presidindo incluso o colectivo de empresarios turísticos Aetan, que recoñece ten pouca actividade. Iso si, non dubida en sinalar que, en ocasións, o traballo desinteresado lle reportou inesperados sinsabores: «Lembro nunha ocasión, cando tramitamos desde a patronal unhas axudas para dotar de sistemas informáticos as pequenas empresas, houbo quen me deixou de falar por non entrar na lista de beneficiarios, pois había que darlle prioridade aos socios da patronal».

As reivindicacións pendentes, as amizades feitas e, sobre todo, a paixón pola comarca levan a Manuel Domingo Rodríguez a descartar a xubilación aos seus 65 anos: «Morrerei coas botas postas, pois este é un traballo apaixonante». Farao, sempre, vendendo a marca Barbanza: «O de Arousa norte é un erro, a xente identifica Arousa co sur da ría».

MANUEL DOMINGO RODRÍGUEZ

Barbanceses no seu recuncho

Idade

65 anos.

Profesión

Empresario turístico