Ricardo Dávila, escultor pobrense

Eme Cartea

BARBANZA

25 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de Auschwitz, a poesía é posible, pese a Adorno e ás guerras quentes e frías que fixeron tabula rassa de toda a lóxica moderna. Despois da morte de deus, a morte do home, que resucita como o animal que é, e o único deus posible. Hoxe, ser «absolutamente moderno» ?como nos esixía Rimbaud?, xa non é un imperativo: imponse o «retorno ao real» crítico e comprometido, fronte á narrativa autónoma greenberiana da arte pola arte. Falamos, pois, de posmodernismo, de tema e contido, do aquí e do agora. 

Neste espazo cronolóxico sitúase a obra poliédrica de Ricardo Dávila, artista de ideas e sensacións que expresa con mestría. Nesta peza ?parte da exquisita exposición que acolleu este verán a Casa da Cultura Pobra do Caramiñal? a talla é áxil, nerviosa, intuitiva, atenta ao xogo de luces e sombras, nunha tráxica representación do tempo e das súas cicatrices.

Bebe Ricardo nesa tradición que privilexia a psicoloxía do retrato e o «informe» como modelo. Foxe da clasificación matemática da realidade na procura da polisemia esencial, por canto a deformación abre os sentidos ás súas infindas asociacións. Sabía ben Dalí que a forma, en si, é metamórfica, heteroxénea; do seu «obxecto psicoatmosférico anamórfico» provén esta non-visibilidade, esta confusión da ollada.

Ricardo (como Picasso), non busca, encontra: «Obxectos atopados» duchampianos, autorreferenciais e oníricos que, modificados polo artista, adquiren o estatus de arte nun novo contexto expositivo. Amósanse nesa súa inmobilidade activa, entre cubista e expresionista, nun contraste de planos e «olladas connotadas» que xorden da disección do ollo na escena de Un perro andaluz, onde Buñuel e Dalí abolen a pureza da ollada e conectan simbolicamente o espectador co seu inconsciente óptico e a pluralidade de interpretacións, máis alá do aparente.

Sabemos con Machado que «el ojo que ves no es ojo porque tú lo veas; es ojo porque te ve». Segundo Lacan, vemos dende un punto de vista, mais somos mirados desde todas as partes. A mirada confírmanos pero tamén nos ameaza, o que pode producirnos paranoia xa que o espectáculo do mundo é omnivoyeur e omnívoro: desprotéxenos, mantennos ao axexo, como nun atávico tropo de cando eramos peza de caza posible. 

E a boca. Coma n?O grito, de Munch, ou nese Inocencio X, de Bacon ?angustia, dramatismo, soidade?, que nos vincula coa animalidade e a xeometría natural e se perde ao erguérmonos como especie. A boca do grito, da risa, do éxtase. «Art brut». Enigmático. Inquietante. Lugar laico que nos religa ao sagrado, ao máxico, onde as formas espiritualizan os sentidos.

Agradecemos a Ricardo Dávila ese esforzo por amosarnos fórmulas e percepcións de identidade inseridas nese historicismo polivalente e familiar, pero incómodo á vista, do recoñecible.